Os mariscadores da ría do Burgo esixen que se publique no BOE o dragado da ría e o pago de compensacións

Denuncian o "ninguneo" por parte do Goberno central e a Xunta, aos que reprochou non atender as súas peticións de reunión sobre a licitación do proxecto e o pago de compensacións.

Por E.P. | A CORUÑA | 18/12/2020 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

Os mariscadores do Burgo volveron a esixir á Xunta e ao Goberno central un acordo sobre o pago das compensacións polo dragado da ría, así como a publicación no BOE desta obra. Fixérono nunha comparecencia xunto a representantes do BNG na que anunciaron que levarán a actual situación a Bruxelas.

Así o trasladou o portavoz do colectivo, Manuel Baldomir, nunha comparecencia xunto á deputada do BNG no Parlamento galego, Mercedes Queixas, e a portavoz da formación nacionalista en Europa, Ana Miranda.

En rolda de prensa, tras unha reunión, Baldomir denunciou o "ninguneo" por parte do Goberno central e a Xunta, aos que reprochou non atender as súas peticións de reunión sobre a licitación do proxecto e o pago de compensacións.

Por outra banda, cualificou de "ridículo" que por parte do Goberno "se faga público na prensa que se comeza cos trámites de licitación, pero que non se vexa reflectido no BOE que é o que lle dá a legalidade a este proxecto".

Baldomir asegurou que este novo paso que dan, coa iniciativa ante Bruxelas para denunciar o "atraso inxustificado" no saneamento da ría, busca ser un SOS. "A ría do Burgo morre", recalcou ao instar á Xunta e Goberno a asumir as súas "responsabilidades" e a negociar o pago de compensacións, ademais de publicar, no caso do Goberno, no BOE a licitación do proxecto.

INICIATIVAS DO BNG

Pola súa banda, a deputada Mercedes Queixas sinalou que presentarán emendas para tratar de que se recollan partidas nos orzamentos da Xunta para unhas compensacións que cualificou de "xustas e necesarias".

Mentres, e en relación ao escrito ante Bruxelas, Ana Miranda lembrou que fai dez anos houbo unha denuncia na Comisión de Peticións por parte da Confraría. Nesta ocasión, volveu a denunciar o "abandono" por parte das administracións deste sector.

Entre outras cuestións, cuestionou que teñan unhas "instalacións do século XIX" e que agora haxa, argumentou, "deixamento" da Xunta nas súas competencias, á vez que reclamou que se licite "xa" o proxecto de dragado ante o risco de "perder" fondos europeos.

O portavoz dos mariscadores do Burgo, Manuel Baldomir, a deputada Mercedes Queixas, e a representante do BNG en Europa, Ana Miranda, ofrecen unha rolda de prensa sobre a ría. BNG
O portavoz dos mariscadores do Burgo, Manuel Baldomir, a deputada Mercedes Queixas, e a representante do BNG en Europa, Ana Miranda, ofrecen unha rolda de prensa sobre a ría. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta