Temas: PSOE ORTIGUEIRA

O goberno socialista de Ortigueira perde a metade do seu equipo tras dimitir tres concelleiras

O seu obxectivo é renunciar á acta de concelleira e abandonar o Concello.

Por Europa Press / Redacción | Ortigueira | 18/12/2020 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

Tres dos seis concelleiros cos que conta o goberno municipal do PSOE de Ortigueira presentaron na mañá deste venres, 18 de decembro, a súa dimisión no rexistro do Concello.

María Belen Bello, Auri Vázquez e Ana Belén Carrodeguas.
María Belen Bello, Auri Vázquez e Ana Belén Carrodeguas.

Trátase de María Belén Bello Castro, que concorrera nas eleccións de maio de 2019 no posto número dous da candidatura socialista e que se ocupaba das áreas de Igualdade e Atención Cidadá; Auri Vázquez Estraviz, número catro e edil de Facenda, Promoción Económica e Turismo; ademais de Ana Belén Carrodeguas Trasancos, concelleira de Urbanismo, Medio Ambiente e Patrimonio.

Fontes próximas sinalaron que a dimisión se produce por desavinzas co alcalde, Juan Penabad, que se agravaron nos últimos tempos e que levou ás edís a presentar a súa renuncia a continuar como concelleiras da corporación de Ortigueira. Así, ademais de renunciar aos seus labores de goberno, deixarán a acta obtida nas municipais de maio de 2019.

Precisamente, o pasado luns día 14 de decembro, sete membros da executiva do PSOE de Ortigueira tamén presentaron a súa dimisión do órgano que integraban unha ducia de socialistas, asegurando entón que o facían por "diferenzas co grupo municipal"

Segundo os estatutos do PSOE, a dimisión de máis da metade de membros da executiva dunha agrupación supón ter que convocar unha xestora. Actualmente como secretario xeral da agrupación exerce Juan Penabad, que é ademais o alcalde.

Temas: PSOE ORTIGUEIRA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta