Escoita: así soan os bosques galegos

Crean un mapa de sons de bosques de todo o mundo, entre eles, dous galegos, polo momento…

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/12/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Lembras os bosques? Cando foi a última vez que te deixaches envolver nun? Cando a primeira vez que lle prestaches os teus ouvidos? Cando a última vez que te rumorearon as follas dos carballos acariñadas polo vento, os cantares dos alados, o blues do lobo ou a sonata fluvial?

Bosque
Bosque | Fonte: Xunta.

Lembras os bosques?

A través do sentido do ouvido podemos agora lembralos un chisco mellor grazas ao traballo colaborativo de centos de persoas que grabaron os sons dos seus bosques por todo o planeta.

Para acceder a esta proposta sensorial lanzouse o sitio web Tree.fm, un lugar para escoitar aleatoriamente os sons de bosques de todo o planeta, para “relaxarse, meditar ou facer un shinrin-yoku digital [baño forestal]”, segundo os impulsores deste proxecto, os administradores de Ecosia, un motor de buscas en Internet con sede en Berlín (Alemaña) que doa o 80 % dos seus ingresos a organizacións sen ánimo de lucro de todo o mundo relacionadas coa reforestación e que ten o obxectivo de plantar mil millóns de árbores antes do 2025.

“Os incendios forestais, os gobernos e as corporacións seguen destruíndo os nosos bosques. Os nosos netos deberían ter árbores para rubir. Así que tomemos algunhas medidas”, instan á poboación os promotores de Tree.fm

Todos os sons están sendo compartidos en Internet en arquivos de audio con licenza Creative Commons Share Alike, isto é, un permiso para copiar, reutilizar ou modificar a obra libremente conservando a mesma licenza.

Isto foi posible grazas a ‘Sounds of the Forest’, un proxecto impulsado polo International Forest Festival (Timber), co que se está a recompilar os sons de bosques de todo o mundo, “creando un mapa de son cada vez maior que reúne os tons e texturas auditivos” deses espazos naturais.

Os sons forman unha biblioteca de código aberto, para que calquera poida escoitalos e crealos. Ademais, varios artistas utilizarán eses sons para as súas creación no Timber Festival 2021.

Até agora fixéronse dúas contribucións sonoras desde Galicia: unha grabación en Vigo de Maika López e outra de Rubén Castiñeiras Lorenzo en Freás de Eiras, Ramirás (Ourense).

Afinen o ouvido…

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta