Temor a unha "catástrofe" polo barco nuclear avariado que navigará as costas galegas en pleno temporal

O cargueiro Sevmorput, de 200 metros de eslora, pasará polo corredor de Fisterra. O BNG mobilízase para esixir que o buque desvía a súa ruta. "Poderiamos estar de novo ante unha catástrofe, pero agora con risco nuclear"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2020 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

A deputada do BNG Rosana Pérez rexistrou iniciativas no Parlamento galego para instar á Xunta a que, á súa vez, demande ao Goberno estatal para que inicie "as accións necesarias" para "evitar" que o buque ruso de propulsión nuclear 'Sevmorput' navegue polas costas galegas.

A través dun comunicado, a formación nacionalista advirte do "grave risco" que pode ocasionar á Comunidade galega esta embarcación que ten previsto "aproximarse nos próximos días ao corredor de Fisterra" cunha alerta por fontes ventos, ondas de ata cinco metros de altura e "dificultades de navegación".

Non en balde, a deputada Rosana Pérez lembra que as costas galegas acumularon nos últimos anos "innumerables e graves" accidentes marítimos e que, a pesar diso, o Goberno "continúa sen tomar medidas". "Se a fatalidade fixese coincidir unha avaría total do 'Sevmorput' ao seu paso polo corredor de Fisterra con temporal, como é habitual nestas datas, poderiamos estar de novo ante unha catástrofe, pero agora con risco nuclear", advertiu a nacionalista.

Ademais, Pérez ve "imprescindible" que a Mariña Mercante faga unha "monitorización continua" sobre a situación deste buque, a súa localización exacta e a evolución da avaría "en tempo real", xa que considera que "non debe acceder ás augas das costas galegas nin empregar as rías como porto refuxio".

A deputada autonómica do BNG tamén reclama que os medios de salvamento, tanto aéreos como navais, situados en Galicia "deberían estar en alerta para actuar con axilidade en caso dunha eventual situación de alarma".

Sevmorput, o cargueiro ruso avariado que pasará polas costas galegas nos próximos días.
Sevmorput, o cargueiro ruso avariado que pasará polas costas galegas nos próximos días.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Queimaño

Coño, para un que apoia os procesos de independencia deste Estado, e damoslle portazo... Davai idí tovarich✊

1 Escarnasedo

Polo Dereito Marítimo Internacional, debese atender e dar entrada a un buque en risco para a súa tripulación. Ademáis Rusia é non só asinante, senon impulsora dos Tratados Internacionais. Non a caguemos outra vez...