A Xunta premia con 750€ a "superación persoal" de varios alumnos da privada e concertada

O certame foi outorgado en recoñecemento á súa superación de barreiras "persoais, educativas ou da contorna familiar". Os alumnos pertencen tanto á educación pública como a centros privados e concertados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2020 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde que concede premios á "superación de dificultades" a un total de 20 alumnos de 4º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Este galardón, dotado con 750 euros por premiado, recoñece a capacidade para superar barreiras de "tipo persoal, educativas ou da contorna familiar e sociocultural", segundo informa a Xunta.

O centro con máis recoñecementos é o IES Valadares de Vigo, cun total de cinco, seguido do CPR Plurilingüe La Purísima de Ourense, con dous galardóns. Entre os premiados cóntanse alumnos da educación privada ou concertada. Así, contan cun galardón, na cidade da Coruña, o CPR Plurilingüe Santa María del Mar, o IES Plurilingüe Rafael Dieste e o CPR Plurilingüe Cristo Rey. Ademais, na mesma provincia, hai un premiado no IES Francisco Aguiar de Betanzos, no IES Saturnino Montojo de Ferrol e no CPI Plurilingüe de Fonte-Díaz de Touro.

Na provincia de Ourense, recibirán este recoñecemento un alumno do IES Universidade Laboral da cidade das Burgas, un do IES Xesús Taboada Chivite de Verín e outro do CPI Plurilingüe Laureano Prieto da Gudiña. En Pontevedra, ademais do cinco estudantes premiados do IES Valadares, están un do IES Álvaro Cunqueiro e outro do CPR Plurilingüe El Pilar, ambos na cidade de Vigo; un do IES Val Miñor de Nigrán e outro do CPR Santo Tomás. O obxectivo final deste recoñecemento, subliña a Xunta, é que estes alumnos sexan "un exemplo para compañeiros e compañeiras en situación similares" e destacar o "especial esforzo" que supón para eles alcanzar "o éxito" na escola.

Alumnas dun colexio privado feminino en imaxe de arquivo.
Alumnas dun colexio privado feminino en imaxe de arquivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta