O que está en xogo na última reunión do comité clínico: visitas a familiares pechados e apertura da Coruña

Sanidade perfilará este luns a normativa que imperará nas festas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2020 | Actualizada ás 19:42

Comparte esta noticia

Unha semana despois das últimas medidas, o comité clínico de expertos que asesora á Xunta en materia de coronavirus volverase a atopar este luns, día 21 de decembro, na que será a súa última reunión antes das festas de Nadal. Un encontro no que se analizará de novo o mapa de peches perimetrais e o plan específico para estas datas, sobre o que planea a posibilidade de endurecer restricións se a situación epidemiolóxica empeora, aínda que o presidente da Xunta mantivo o pasado venres que por agora non habería cambios.

En canto aos peches perimetrais, un dos puntos relevantes a tratar será a situación de Santiago de Compostela, cuxa mala evolución levou aos expertos hai unha semana a elevar as medidas ao nivel medio de restricións e a impor de novo o peche perimetral, que a capital galega xa abandonaraa, xunto con Ourense, antes da ponte de decembro.

Aínda que durante a rolda de prensa do último comité o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, dixo que volvería estar sobre a mesa este luns a reapertura de Compostela, polo momento a incidencia aínda continúa por encima dos requisitos expostos polos expertos e que suporía baixar dunha incidencia de 100 casos.

Fotos Xunta /Sanidade /Rolda De Prensa Do Comité Clinico.. Xunta de Galicia / Europa Press
Fotos Xunta /Sanidade /Rolda De Prensa Do Comité Clinico.. Xunta de Galicia / Europa Press

APERTURA DA CORUÑA

Doutra banda, despexarase a incógnita de se A Coruña, a urbe que presenta unha mellor evolución nestes momentos das sete galegas, abandona o peche perimetral, como deslizou o conselleiro tras a pasada reunión. Naquel momento, Julio García Comesaña admitiu que os datos da cidade herculina xa a situaban en niveis de apertura, pero que se decidiu pospor este feito para actuar con "precaución" tras o exemplo de Santiago.

No seu conxunto, o comité avaliará a situación epidemiolóxica de todos os concellos e das cidades --a seguinte en mellor evolución é Lugo-- coa intención de que as medidas que se adopten o luns se prolonguen unha semana --nos períodos festivos non está previsto que se celebre a reunión do subcomité do venres--.

Este mesmo domingo, nunha entrevista na Radio Galega o conselleiro de Sanidade volveu a advertir que a posibilidade de endurecer as restricións "sempre está encima da mesa" dada a evolución de determinadas áreas, aínda que tamén ratificou a "boa tendencia" que non faría "descartable" a reapertura da Coruña. Así mesmo, preguntado sobre a posibilidade de que a Comunidade galega se peche mesmo a persoas que volvan para reunións familiares, Julio García Comesaña volveu a avisar de que "a situación pode cambiar" e podería estudarse no comité deste luns.

PLAN DE NADAL

Outro dos elementos que se tratarán no comité do luns será, de novo, o plan de Nadal, no que se recomenda que as festas se celebren co grupo de convivencia propio, como mellor opción, cun máximo de dous núcleos familiares ou, se fosen máis, limitadas a seis persoas, sen contar os nenos de 10 ou menos anos. As autoridades sanitarias aclararon desde o primeiro momento que as medidas poderían experimentar alteracións segundo a evolución da pandemia.

Con iso, un dos puntos que xera máis expectativa é a posibilidade de modificar o relativo á limitación de mobilidade á hora de reunirse con familiares. Segundo o plan orixinal, tal e como tamén recoñece a norma estatal, os galegos poderán entrar ou saír de zonas perimetradas para comer ou cear coas súas familias. Ao longo do venres e a fin de semana, tanto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como o conselleiro de Sanidade rexeitaron, polo momento, a posibilidade de cambiar este extremo e tomar medidas máis restritivas.

"Se unha persoa de Madrid pode vir a Ourense a visitar a un familiar, parece que debemos traballar, tamén na medida do posible, para que alguén de Santiago poida ir a Ourense a visitar ao seu familiar", expresou o sábado Comesaña, quen no entanto matizou que toda posibilidade está aberta no caso de que as cifras empeoren, polo que haberá que esperar ao que se decida este luns.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta