Santiago, a cidade que "máis preocupa", roza xa os 200 casos a 14 días

Sanidade non ten identificada a orixe destes contaxios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2020 | Actualizada ás 11:39

Comparte esta noticia

Hai unha semana, o comité clínico de expertos que asesora á Xunta de Galicia en materia de Covid-19 decidía volver impor o peche perimetral de Santiago de Compostela por mor da mala evolución epidemiolóxica rexistrada tras a apertura, o día 5. Con todo, as cifras desde entón non deixaron de empeorar e, a día de hoxe, a capital galega é a urbe que "máis preocupa" a Sanidade, con preto de 200 casos a 14 días --por encima da media galega-- e un incremento paulatino sen orixe "claramente identificada".

Así o explicou este martes o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que compareceu para informar das decisións tomadas no comité clínico do luns, que pasou ao municipio de Rianxo a nivel máximo de restricións pero non impuxo ningún cambio na situación das cidades --todas pechadas perimetralmente excepto Ourense--.

Delas, dixo Comesaña, a que "máis preocupa" aos expertos é Santiago de Compostela, que despois dunha "evolución positiva" durante o peche perimetral --foi a que menos tempo permaneceu nel--, experimentou unha importante alza coa apertura, que obrigou a reimponer as limitacións de mobilidade.

Por iso, polo momento a Xunta manterá as medidas tal e como están ata a revisión do próximo luns. Con iso, Santiago, do mesmo xeito que o resto de cidades excepto Ourense, pasará a primeira semana de Nadal perimetralmente pechada, un peche que non operará, para reunións familiares, entre o 23 e o 25, pero si o resto das xornadas.

ORIXE MÚLTIPLE

Unha das cuestións que preocupan aos expertos, ademais da alza de casos, é que non está "claramente identificado o motivo" desta mala evolución, dixo Comesaña. Isto é, as orixes son múltiples. "Non existe esa concentración, está afectada por moitos factores", explicou, algúns deles vinculados "aos concellos da comarca", pero outro non.

Segundo explicou a directora xeral de Asistencia Sanitaria, Carmen Durán, os últimos datos apuntan a que Santiago continúa a súa "tendencia ascendente". Dos 79 casos existentes cando a inicios de decembro se decretou a apertura perimetral, o municipio conta xa con 189 e a incidencia acumulada a 14 días sitúase nos 194, moi por encima da media galega e do resto de cidades.

COMPOSTELA, ÁS PORTAS DO ANO SANTO

Dáse a circunstancia de que a cidade de Santiago se atopa precisamente ás portas de abrir o Ano Santo 2021, algo que, se non cambia a tendencia, fará pechada perimetralmente. Sobre a posible chegada de peregrinos nas próximas semanas, coa eliminación das restricións a nivel estatal de mobilidade pasadas as festas, o conselleiro explicou que esa data "queda aínda moi lonxe" e apostou por analizar os datos semana a semana.

No entanto, explicou que, ata agora, o Camiño foi un lugar "seguro" e que Sanidade traballa xunto co Xacobeo e Vicepresidencia en "establecer todas as ferramentas" que "garantan" que isto siga sendo así.

Un home pasa á beira dun establecemento pechado pola Covid en Santiago.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Un home pasa á beira dun establecemento pechado pola Covid en Santiago.. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

O ALCALDE APELA Á RESPONSABILIDADE

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, apelou este martes, unha vez máis, á responsabilidade, e pediu que se limiten os encontros do Nadal ao núcleo de convivencia, lembrando: "os lazos familiares non nos protexen do coronavirus". Así o dixo, en resposta aos medios, tras coñecer a decisión do comité clínico de expertos de manter as restricións e o peche perimetral de Santiago, a cidade que máis preocupa agora mesmo ás autoridades sanitarias pola súa evolución.

En concreto, Bugallo afirmou que as reunións e encontros familiares "están a ser a causa de máis do 60 por cento dos contaxios", polo que apelou a "ser enormemente prudentes" durante este Nadal. Así, pediu aos veciños que procuren "evitar mesturar unidades de convivencia diferentes" e limiten as celebracións ao "núcleo familiar estrito", mesmo aínda que están permitidas "outras opcións". "É preferible coidarnos e celebrar o Nadal con tranquilidade aínda que botemos de menos aos nosos familiares. O máis importante é que cando pase o nadal, esteamos todos", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta