Sanidade ve "estabilidade" en Galicia e destaca a boa evolución da Coruña, Ferrol e Lugo

O comité impón máximas restricións a Rianxo e vixía a Viveiro, Dozón, Muros, Verín e Vilagarcía.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2020 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

A situación epidemiolóxica de Galicia é de "estabilidade", aínda que, a sete días, as autoridades sanitarias observan "certa melloría", cunha "diminución lixeira" das cifras e, entre as cidades, destacan a boa evolución da Coruña, Ferrol e Lugo.

Así o explicou a directora xeral de Asistencia Sanitaria, Carmen Durán, durante unha rolda de prensa para informar as decisións tomadas polo comité clínico do luns, que decidiu incrementar o nivel de restricións de Rianxo e manter o das seis cidades pechadas perimetralmente, entre outras cuestións.

A nivel galego, dixo Durán, hai unha "estabilidade", cunha incidencia acumulada a 14 días de 177 --o día 18 de decembro era de 177,6--, mentres que a sete días se experimentou unha "lixeira melloría", ao pasar dunha incidencia de 97 a 89,6, unha "diminución lixeira" que hai que tomar con "precaución", dado que hai un fin de semana polo medio.

Do mesmo xeito, Carmen Durán destacou que a porcentaxe de positividade das PCR feitas sitúase por baixo do 5% recomendado pola OMS para o control da pandemia e que o índice reprodutivo está "preto de 1", aínda que "non por baixo".

SITUACIÓN DAS CIDADES

En canto ás cidades, Carmen Durán destacou a boa evolución da Coruña, Ferrol ou Lugo. No caso da cidade herculina, presenta "certa melloría", aínda que se mantén por encima dos 110 casos de incidencia acumulada a 14 días. Ferrol, pola súa banda, dentro da "estabilidade", está "a descender", cunha incidencia de 136 casos por 100.000 habitantes a 14 días e unha caída que se ve sobre todo a unha semana. No caso de Lugo, "está a mellorar tanto a sete como a 14 días", aínda que se mantén por encima de 100.

Vigo e Ourense están "estables", dixo Durán, aínda que a primeira delas con "tendencia descendente" e a segunda, a única urbe sen limitación perimetral, "ascendente". Pontevedra, con 160 casos por 100.000 habitantes, está "absolutamente estable".

Fotos Xunta /Sanidade / R.P. Comité Clínico De Sanidade.. Xunta de Galicia / Europa Press
Fotos Xunta /Sanidade / R.P. Comité Clínico De Sanidade.. Xunta de Galicia / Europa Press

En canto á evolución negativa, Carmen Durán mencionou o caso de Rianxo, que incrementa ao máximo o seu nivel de restricións, e que presenta unha incidencia acumulada a 14 días que supera os 300 casos. Nestes momentos, a Sanidade preocúpalle tamén a evolución de Viveiro, Dozon, Muros, Verín e Vilagarcía, que están en observación.

MEDIDAS DO COMITÉ

O comité clínico decidiu este luns non variar as restricións que pesan sobre as cidades galegas ante a evolución do coronavirus, co que nas urbes só se permite en Ourense a mobilidade a outros municipios, mentres que Rianxo se incorpora aos concellos coas restricións máximas, que implica o límite de mobilidade.

A só tres días da Noiteboa, só o concello de Rianxo incrementa as restricións e a súa hostalaría só poderá dar servizo en terrazas ao 50% e como máximo ata as 17.00 horas. As reunións poderán ser de grupos dun máximo de catro non convivientes.

Pola súa banda, as cidades de Vigo, Pontevedra e Ferrol mantéñense con restricións de nivel medio-alto e A Coruña, Lugo e Santiago con limitacións de nivel medio, mentres que Ourense está no nivel básico, que lle permite a mobilidade a outros municipios e que a hostalaría sirva ao 50% de aforamento no interior e ao 75% no exterior ata as 23,00 horas, así como reunións dun máximo de seis persoas convivientes ou non.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta