A Xunta recoñece o esforzo da comunidade educativa para conter a Covid, a pesar das críticas

Román Rodríguez di que foi "chave" para pechar con "éxito" o primeiro trimestre.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2020 | Actualizada ás 18:37

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, recoñeceu o esforzo da comunidade educativa, que cualificou de "chave" para pechar con "éxito" o primeiro trimestre do curso escolar.

O titular de Educación reuniuse este martes coa Xunta Autonómica de Directores para facer balance do primeiro trimestre do curso e escoitar as demandas de cara ao próximo, co obxectivo de que se siga desenvolvendo con todas as garantías de seguridade sanitaria. Así, cualificou de "moi intenso" este trimestre, sobre todo polo "gran esforzo e implicación" do alumnado e as súas familias, do profesorado dos equipos directivos e do persoal non docente, aos que agradeceu, en nome do Goberno e da sociedade, o traballo desenvolvido.

Precisamente, indicou que a implicación da comunidade educativa fixo posible que os centros fosen lugares seguros ante a pandemia, "tal e como reflicten os datos de casos, que constatan que non son lugares de transmisión da covid". En todo caso, aproveitou para facer un chamamento a "non baixar a garda" durante este Nadal para que o próximo trimestre tamén se desenvolva con éxito.

PROCESO DE ADMISIÓN PARA O PRÓXIMO CURSO

Na reunión, a Xunta tamén informou das novidades do proceso de admisión de alumnos para o próximo curso 2021/22, cuxa orde se publica este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG).
A principal está relacionada cos prazos de reserva de praza no caso dos alumnos que rematan unha etapa nun centro escolar e teñen que reservar praza nun centro adscrito.

Nestes casos, o prazo de presentación da documentación para a reserva de praza será do 11 de xaneiro ao 8 de febreiro, ambos os dous incluídos. Ata agora era do 1 ao 15 de febreiro.

No que respecta aos nenos que entran por primeira vez no sistema (maioritariamente de cuarto curso de educación infantil), así como para aqueles de infantil, primaria, ESO e bacharel que queiran cambiar de centro sempre que haxa prazas, os prazos xerais de solicitude de admisión mantéñense do 1 ao 20 de marzo, como ata agora.

Román Rodríguez, reúnese por videoconferencia coa Xunta Autonómica de Directores. XUNTA
Román Rodríguez, reúnese por videoconferencia coa Xunta Autonómica de Directores. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta