O BNG critica o "pitorreo" da Xunta no control dos fondos europeos e o PP critica o seu apoio a Sánchez

Néstor Rego denuncia que PP, PSOE e Unidas Podemos non apoian a transferencia dos institutos oceanográficos ás autonomías.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2020 | Actualizada ás 20:18

Comparte esta noticia

A deputada do BNG Noa Presas acusou á Xunta de "tomar a pitorreo" ao Parlamento galego pola falta de información sobre os proxectos que optan a fondos europeos. En cambio, o deputado do PPdeG Miguel Tellado defende a "confidencialidade" destas iniciativas para a súa competitividade.

A proposta do Bloque, exposta este martes no pleno do Parlamento --votarase o mércores--, reclama que a Xunta remita á Cámara "no prazo de tres días" toda a información referente a proxectos e as notificacións enviadas institucións europeas e estatais. Tamén require a súa xestión directa en Galicia, así como remitir á Cámara para o seu debate diferentes cuestións como a contía que corresponde a Galicia de fondos europeos da covid, entre outras cuestións.

E é que lamenta que a oposición "non sabe nada" dos 108 proxectos dos que fala o Goberno galego, mentres as universidades "non teñen reservado un papel".

En cambio, Tellado defendeu que "ninguén fai público" os proxectos "ata que se coñeza o regulamento de repartición de fondos", polo que se debe "velar pola súa confidencialidade" para que "sexan competitivos na contorna da UE". Ademais, o popular sostén que os nacionalistas "necesitan unha escusa para culpar á Xunta do que vai facer o Goberno de Pedro Sánchez" e  opina que o BNG é un "cómplice necesario" da "traizón" do PSOE a Galicia.

Pleno do Parlamento galego. PARLAMENTO
Pleno do Parlamento galego. PARLAMENTO

CRÍTICAS DO BNG EN MADRID

Por outra banda, o BNG censurou que o Partido Popular, o PSOE e Unidas Podemos rexeitasen en Madrid as transferencias dos centros do Instituto Oceanográfico a Galicia, unha medida que si apoian no Parlamento de Galicia.

Nun comunicado remitido aos medios, o BNG explica que unha proposición non de lei presentada polo deputado Néstor Rego foi rexeitada na Comisión de Ciencia, Innovación e Universidades do Congreso cos votos en contra de PP, Vox, Cs e a abstención dos partidos de goberno, PSOE e Unidas Podemos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta