O PP di non á proposta do BNG para facer de Meirás un monumento á memoria histórica

O PSOE abstívose da votación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2020 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

O PP votou non este mércores no pleno do Parlamento galego a unha proposta do BNG --o PSdeG abstívose-- que instaba a reclamar ao Estado a cesión á Xunta de Galicia do pazo de Meirás, cunha colaboración de custos compartida, á vez que defendía o uso "central" da memoria histórica como eixo para este espazo.

Antes das votacións e despois de que o Bloque denegase aceptar as emendas de populares e socialistas, o portavoz parlamentario do PPdeG Pedro Puy pediu unha votación separada para apoiar diferentes puntos. En concreto, mostrouse a favor de apoiar a cesión a Galicia deste espazo, así como os usos combinados relativos ás figuras de Pardo Bazán e de "quen expolió o pazo", ademais da homenaxe ás entidades memorialísticas que loitaron pola súa recuperación para o público.

O presidente da Cámara, o popular Miguel Santalices, apelou ao proponiente Luís Bará (BNG) a chegar a acordo por ser "Nadal", pero o Bloque non aceptou esta votación por puntos. Deste xeito, non se alcanzou acordo e a iniciativa votouse no seu conxunto, polo que foi rexeitada polos populares --con maioría absoluta na Cámara--.

A proposta do Bloque tamén pasaba por unha xestión compartida coa Deputación da Coruña e Concello de Sada do BIC, así como para acordar os seus usos. Igualmente, esta iniciativa demandaba que o primeiro acto en Meirás en xaneiro sexa unha homenaxe ás entidades de memoria história que loitaron pola súa recuperación nos últimos 40 anos.

Luís Bará. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
Luís Bará. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta