A Xunta culpa ao Goberno central pola falta de cobertura móbil en Galicia

Durante a sesión do Parlamento, o conselleiro de Industria, Francisco Conde, foi preguntado sobre se existe un "plan B" para As Pontes tras o peche da planta térmica de Endesa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2020 | Actualizada ás 16:12

Comparte esta noticia

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, reivindicou que a Xunta está "a traballar para mellorar a cobertura móbil en Galicia" e contrapúxoo á "falta de actuación" do Goberno central neste ámbito.

Afirmouno en resposta ao deputado do BNG Daniel Castro, quen, no pleno do Parlamento, recriminou ao Goberno galego "11 anos de plans de banda ancha e políticas baleiras" antes de citar algúns indicadores de cobertura segundo os cales a comunidade se sitúa no último posto do ranking estatal.

Ante isto, o nacionalista criticou o "triunfalismo" da Xunta e que celebre "unha subida orzamentaria --da axencia para a modernización tecnolóxica-- que non chega para tapar este desastre".

Na súa quenda, o conselleiro comezou lembrando o elevado número de núcleos de poboación con que conta Galicia, feito "que condiciona moitísimo" e que fai que "a extensión de redes de banda ancha rápida sexa sumamente complexa". "É todo un reto para os operadores a pesar de contar con subvencións", resaltou.

Ademais, engadiu que a cobertura de redes de telecomunicacións non se implementa só por redes fixas, antes de referirse ao 4G e ao 5G. A este respecto, exhibiu o "compromiso" da Xunta, "sempre sen esquecer que a competencia en materia de telecomunicacións corresponde ao Goberno central".

Valeriano Martínez. XOÁN CRESPO
Valeriano Martínez. XOÁN CRESPO

TÉRMICA DE ENDESA

A continuación, a nacionalista Noa Presas preguntou a Conde por un "plan B" para As Pontes tras o peche da planta térmica de Endesa. "Preocupa o que vemos do Goberno central pero tamén a pasividade da Xunta. Aparentemente non hai un plan b", subliñou.

"Que veña o BNG a tentar trasladar a súa preocupación pola situación das Pontes é verdadeiramente sorprendente", respondeu o titular de Economía.

Neste sentido, atribuíu "o peche precipitado" da planta térmica a "os seus socios" de goberno en Madrid, polo PSOE. "Confúndense se cren que a xente non sabe que vostedes están detrás do peche. Os únicos aliados que teñen os traballadores e toda a comarca é a Xunta e o Concello das Pontes, que estamos a traballar para buscar unha solución", aseverou.

"ALARMISMO" COAS CIFRAS DE DESEMPREGO XUVENIL

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, rexeitou "catastrofismo" e "alarmismo" en relación cos datos do paro xuvenil en Galicia, ante as demandas que lle trasladou o BNG no pleno do Parlamento.

Nunha interpelación, o nacionalista Paulo Ríos reclamou investimento en investigación e novas tecnoloxías, entre outros ámbitos, para facer fronte ao "traballo precario" que vinculou cun modelo de "terciarización" e "dependencia" do turismo e a hostalaría.

Tras un debate de cifras no que ambas as partes aseguraron "non manipular" os números, a titular de Emprego reivindicou a situación de Galicia como "segunda comunidade con menos parados no tramo de 16 a 24 anos" e dixo que estes resultados son "froito de tomar as decisións necesarias co tempo de antelación suficiente".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta