Feijóo saca peito co novo CHUAC, será a "maior infraestrutura que vai acometer o SERGAS nesta lexislatura"

O presidente da Xunta detallou que o contrato que se autoriza este mércores consiste na elaboración do proxecto urbanístico necesario para desenvolver o centro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2020 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta aprobou a licitación por case 7,6 millóns dos proxectos técnicos e de dirección de obras do novo Hospital Público da Coruña, unha actuación dotada con máis de 430 millóns de euros que será o punto de inflexión na asistencia sanitaria da cidade.

Diso informou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, na que destacado que se "trata da maior infraestrutura que vai acometer o Servizo Galego de Saúde nesta lexislatura".

Na súa intervención, o presidente sinalou que se dobrará a superficie do Hospital da Coruña ata alcanzar os 225.000 metros cadrados, o que supón o incremento do 108% de salas e postos de urxencias, o aumento do 50% das consultas e postos de observación de urxencias, cun 15% máis de camas dispoñibles e un 50% de habitacións individuais.

Feijóo detallou que o contrato que se autoriza este mércores consiste na elaboración do proxecto urbanístico necesario para desenvolver o centro, o proxecto básico de construción, o definitivo de construción e adxudicación da dirección de obra desde o primeiro momento ata a finalización da totalidade do hospital.

Nesta liña, explicou que todos estes documentos terán que concretar o recolleito no Plan funcional e de espazos, incidindo, así mesmo, que no deseño será fundamental que se entreguen por fases. "Terán un especial valor os proxectos construtivos que permitan ir pondo en servizo o hospital por fases, e non esperar ao final das obras", destacou.

MATERIAL SANITARIO E ACTUACIÓNS NA ÁREA DE PONTEVEDRA

Por outra banda, na súa reunión semanal, o Consello da Xunta autorizou a tramitación de emerxencia dun expediente de contratación, por valor de 2.951.458 euros, para fornecer material, prestar servizos e realizar pequenas obras na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, no contexto da loita contra a covid-19.

No referido a os servizos, os investimentos máis importantes destínanse ao reforzo de tarefas de limpeza e aseo, cun orzamento de 391.714 euros; e ao transporte, ao que se dedican 202.304 euros. Ademais, prevense outros 40.016 euros para o servizo de seguridade, entre outras cuestións. O resto deste orzamento destínase principalmente a actuacións en pequenas obras de adecuación de espazos, mantemento de maquinaria e equipamentos, mobiliario e utensilios.

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, xunto ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICI
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, xunto ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICI

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta