Pacientes con contusións e material reutilizado... Algunhas das deficiencias da Residencia de Celanova

REDE advirte das "neglixencias" na atención aos usuarios deste centro por falta de medios humanos e materiais.

Por Galicia Confidencial | Celanova | 28/12/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Pacientes con contusións inxustificadas, mal atendidos, defiencias graves nas instalacións eléctricas, inexistencia de salas de illamento para pacientes ou material reutilizable. Estas son algunhas das denuncias que REDE, a asociación galega de familias de usuarias e usuarios de residencias, acaba de facer sobre o que está acontecendo na Residencia San Carlos de Celanova, unha das máis golpeadas pola covid durante a primeira onda.

Instalación eléctrica nos cuartos dos usuarios da residencia San Carlos de Celanova
Instalación eléctrica nos cuartos dos usuarios da residencia San Carlos de Celanova | Fonte: Rede

Por iso, a asociación de familiares insiste en manter unha reunión co Padroado para alertar destes problemas e activar a subvención municipal que permita dispor dun servizo digno ás usuarias. Segundo suliña esta entidade nun comunicado, a intención de REDE é advertir aos xestores das neglixencias na atención socio sanitaria, que as familias atribúen a falta de recursos humanos e materiais.

De feito, este centro segue, dez meses despois de declarada a pandemia, sen un servizo 24 horas de enfermaría. "Nin Política Social nin o Sergas fixeron nada por solventar esta situación", denuncia REDE que se ofrece como intermediaria entre o Padroado e os grupos municipais para que a subvención de 72.000 euros comprometida e solicitada en novembro se faga efectiva canto antes.

Desde a directiva de REDE e os colectivos Vellez Digna e familiares que manteñen desde Ourense e Celanova a loita por unhas residencias dignas, insístese en que as familias veñen denunciando publicamente desde a primeira onda as deficiencias nos recursos do centro que seguen sen corrixirse.

DEFICIENCIAS

Entre estas denuncias está o uso de batas reutilizadas despois do lavado e cunha "esterilización dubidosa" de parte do material que as familiares usan como medida de protección nas visitas aos maiores. Tamén a ausencia dunha zona de illamento para posíbeis casos dubidosos de infección por covid, a acumulación de residentes no ascensor nun número por riba do límite recomendado ou pacientes que presentan evidencias de contusións, sen que a familia recibise explicacion convincente.

Tamén hai carteis en 'post-it' ou en folios, pegados en mobiliario ou na parede, timbres arrancados da parede e suxeitos con cinta, material en mal estado nos dispositivos de oxíxeno, pacientes con insuficiencias respiratorias atopados sen osíxeno ou cunha máscara por un familiar durante a visita.

Os familiares tamén denuncian falta de cobertura para utilización de dispositivos móbiles en determinadas zonas do edificio o que dificulta ou impide a realización de vídeo-chamadas, a ausencia dunha canle estábel e regular de información da residencia coas familias, longas esperas de familiares na rúa ou carencias na atención durante as fins de semana.

Nos próximos días, REDE enviará unha carta ao Padroado da Residencia San Carlos para manter unha reunión da que xa se tratou o pasado 23 de novembro e despois do convite público do día 11 de decembro, na última homenaxe cívica ás vítimas en Celanova.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta