Setenta e cinco concellos carecen de biblioteca en Galicia

A Xunta aposta por "bibliotecas itinerantes" e anuncia un "mapa de bibliotecas" para cambiar esta situación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2020 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

Un total de 75 concellos galegos carecen de biblioteca local, segundo o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen chamou ao "esforzo e implicación de todas as administracións" para cambiar esta situación.

Sinalouno na comisión de cultura do Parlamento, a preguntas da deputada do PP Sandra Vázquez sobre o sistema galego de bibliotecas. Lorenzo referiu datos estatísticos correspondentes ao exercicio de 2018 segundo os cales na comunidade galega hai 476 bibliotecas, 17,6 por cada 100.000 habitantes, cociente por encima da media (13,8 por cada 100.000).

O número de usuarios inscritos case alcanza o millón e os préstamos en 2018 superaron os 3 millóns, nun contexto no que houbo 109,27 adquisicións por cada 1.000 habitantes.

SEGUNDO MAPA DE BIBLIOTECAS

Ante as cuestións da popular, o responsable de Cultura expuxo "tres grandes conxuntos de accións" promovidas pola Xunta para impulsar a lei de bibliotecas, cun "mapa" que "serviu como elemento de planificación".

"Cada concello de Galicia tivo a ocasión de coñecer cal era a situación en canto a superficie, equipamento, persoal, colección...", destacou, sobre esta "ferramenta" orientada a localizar "puntos de mellora". Neste sentido, apostou por "dar un paso máis" na rede de bibliotecas de Galicia e anunciou o "inicio" da elaboración do segundo mapa de bibliotecas de Galicia "como ferramenta útil para localizar --novos-- puntos de mellora".

"Derivaremos do primeiro mapa un diagnóstico do que foron este catro anos de intervención e pasaremos a elaborar as dúas ferramentas básicas: o censo e os estándares de bibliotecas, que se aplicarán a cada un dos concellos de Galicia", resaltou.

Biblioteca, libros, lectura. EUROPA PRESS
Biblioteca, libros, lectura. EUROPA PRESS | Fonte: JCCM - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta