Feijóo considera "insuficientes" as 18.000 vacinas, aínda que sexan as xa "comprometidas"

A Xunta contrata cunha empresa con base en Santiago, por 247.000 euros, o transporte e repartición das doses ata o 31 de marzo

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2020 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmou este martes que "acaba de chegar" a segunda remesa con 18.000 vacinas de Pfizer-BioNTech a Galicia, pero díxose "sorprendido" de que aterrasen no Aeroporto do Porto, en Portugal, para logo entrar por estrada na Comunidade galega.

"Non temos información de por que se utiliza esa vía loxística tendo tres aeroportos en Galicia", preguntouse Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno.
En calquera caso, o presidente galego confirmou a chegada desta segunda remesa de 18.000 dose que estaba prevista para o luns, pero que por unha incidencia do laboratorio Pfizer en Bélxica atrasouse un día.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa tras o Consello.. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa tras o Consello.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Para futuras remesas, Feijóo dixo que "espera" que o Goberno "garanta" as doses. Así, aínda que considera "insuficientes" as novas 18.000 que chegaron este martes, saudou que sexan as xa "comprometidas".

Coa previsión de "coller o ritmo" cara a unha vacinación masiva a partir deste mércores, o presidente da Xunta garantiu que "os 2.200 profesionais" de enfermaría previstos para este labor "están preparados".

Con todo, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) puido continuar este martes coa campaña de vacinación en residencias das sete áreas sanitarias grazas ás 350 doses que quedaron do domingo, tras administrarse as 150 primeiras a maiores e traballadores do centro Porta do Camiño de Santiago.


ARMAZÓN LOXÍSTICA POR 247.000 EUROS

Neste contexto, Feijóo anunciou que a armazón loxística da vacina, que inclúe almacenamento, transporte, control de temperatura e seguridade, entre outros, contratouse por un total de 247.000 euros ata o 31 de marzo --un impacto de 0,86 euros por dose--.

Este servizo licitouse a unha empresa galega gañadora do concurso e situada no Polígono da Sionlla, en Santiago de Compostela. Desde alí, as vacinas serán distribuídas por unha "rede segura motorizada" ata os puntos nos que se administrarán.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta