Aprobado o decreto da paisaxe en Galicia, que "limita o eucalipto en zonas de alto interese"

As infraestruturas enerxéticas deben ser subterráneas no caso dos novos desenvolvementos urbanísticos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2020 | Actualizada ás 18:53

Comparte esta noticia

O último Consello da Xunta do 2020 aprobou de maneira definitiva o decreto coas primeiras directrices da paisaxe de Galicia, que afectarán a "calquera plan, programa ou proxecto" que se leve a cabo sobre o territorio a partir do primeiro trimestre do 2021.

Na rolda de prensa tras a reunión do seu Goberno deste martes, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, explicou que este documento recolle non só recomendacións, senón tamén normas obrigatorias, limitacións ou condicións "de carácter xenérico" que teñen que cumprir as obras que particulares e institucións queiran acometer na Comunidade.

"Temos un país fermosísimo, por tanto coidemos del", proclamou Feijóo, quen ademais animou os cidadáns a que se observa algún "incumprimento", que "o denuncien". "Nós (a Xunta) teremos que actuar", aseverou. Unha das normas que recolle as directrices é a obrigatoriedade de que as infraestruturas enerxéticas --tendidos ou redes-- deben ser subterráneas no caso dos novos desenvolvementos urbanísticos.

En canto ás áreas de especial interese paisaxístico --un total de 313 en toda a Comunidade galega--, só se poderán abrir minas ou canteiras "se está xustificada" e se non xera ningún "impacto". "No caso de que sexa absolutamente imprescindible, deberá axustarse a un protocolo de absoluto rigor", asegurou Feijóo.

PRIORIZAR ESPECIES AUTÓCTONAS

Nestas mesmas zonas de alto interese, así como nos plans de ordenación forestal, estarán limitadas as plantacións de eucaliptos e a "norma" será a priorización de especies autóctonas sobre as invasoras. Ademais, en espazos naturais protexidos primará a rexeneración de zonas que sufrisen impactos paisaxísticos como incendios, verteduras ou similares.

As infraestruturas e as vías de comunicación que se levanten a partir do primeiro trimestre de 2021 deberán observar criterios de integración. Neste sentido, tal e como concretou Feijóo na rolda de prensa, as pontes de máis de 50 metros deben "ter un grao de integración da paisaxe" que se reflectirá nun informe do organismo competente.

Así mesmo, será obrigatorio retirar os carteis e demais sinalética de obras e actuacións públicas unha vez termine o prazo de financiamento. A modo de exemplo, o presidente da Xunta mencionou os paneis que en ocasións as administracións deixan nos lugares unha vez finalizados os traballos. "Agora haberá que sacalos, empezando, por suposto, pola Comunidade autónoma", prometeu.

Finalmente, en relación ao Camiño de Santiago, Feijóo lembrou que o decreto que fixa as directrices da paisaxe de Galicia establece que, a menos de 500 metros dos itinerarios xacobeos, calquera cambio das actividades agroforestais deben ter "xustificación".

Reunión do Consello da Xunta do 29 de decembro de 2020.. XUNTA
Reunión do Consello da Xunta do 29 de decembro de 2020.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta