O PP vota en contra de apoiar os docentes galegos con xordeira

O BNG acusa aos populares de "descoñecer" a realidade do alumnado e profesorado xordo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2020 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

Novo episodio na loita dos docentes con deficiencia auditiva para conseguir unha situación ecuánime nas aulas galegas. Das primeiras denuncias, recollidas por GC, a presión deste grupo docente vén de chegar ao Parlamento Galego; se ben con menos fortuna da pretendida. As demandas deste sector do profesorado foron trasladadas á cámara galega polo BNG, que instou ao Goberno galego a poñer en marcha medidas educativas e de protección sanitaria para estas persoas; unha proposición non de Lei que resultou rexeitada polo PPdeG.

Lingua de signos
Lingua de signos | Fonte: XUNTA

A iniciativa pedía atender as necesidades especiais das persoas con deficiencia auditiva e garantir con “equidade” a continuidade do seu proceso de ensino-aprendizaxe evitando a discriminación social no centro educativo.

No debate da iniciativa, a nacionalista reprochou ao deputado do Partido Popular Ovidio Rodeiro o seu descoñecemento sobre a realidade do alumnado e profesorado xordo. “A xordeira -dixo- non incapacita, non anula; a máscara si”, como demostra, dixo, o caso dunha profesora xorda que se viu obrigada a solicitar unha baixa laboral, ante a imposibilidade de realizar a súa normal actividade.

A nacionalista Queixas afirmou que “non existiu ningunha resposta” por parte da Inspección, Xefatura Terrirorial, Consellería de Educación para que esta profesora puidera continuar coa súa profesión de docente infantil. Por iso, mostrou o seu malestar ante a afirmación do portavoz popular que asegurou podía existir algún caso illado nestas circunstancias,  ao que a nacionalista replicou que hai máis casos.  "É o caso doutro docente do CEIP de Coristanco. Chámase Jose e está vendo esta comisión a través dun televisor nunha sala deste Parlamento e está profundamente ofendido pola súa intervención porque todo o que vostede dixo é mentira”.

"As máscaras utilizadas nese centro foron mercadas polas familias e só despois de moito presionar, este profesor, o equipo directivo e a  ANPA conseguiron que o xefe territorial se comprometera a manter unha xuntanza na que, por certo, non se lle deu voz a Jose", explicou. A deputada lamentou que a comunidade de persoas xordas do ámbito educativo non acadaran o apoio as súas demandas e marchen, dixo, cunha grande “desazón” pola falta de “responsabilidade e decoro do Partido Popular”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta