Ourense presenta un "ambicioso" proxecto de peonalización que "transformará" a cidade

Jácome apuntou que, "se os prazos avanzan con normalidade", o proxecto se licitará para o 2022 e as obras terán comezo no 2023 e prolongaranse ata 2025.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2020 | Actualizada ás 18:41

Comparte esta noticia

O Concello de Ourense presentou este mércores o anteproxecto para a peonalización e humanización da maior parte da cidade, un documento que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, cualificou como "o proxecto máis ambicioso neste ámbito", que busca unha mellor fluidez do tráfico e dos peóns.

Jácome anunciou que se trata dun proxecto que "transformará Ourense desde o centro da cidade cara ás súas saídas", xa que, recoñeceu, actualmente, "hai moitos atrancos que impiden esa fluidez, hai que facer un zig zag que quita as ganas".

Con esa proposta, que pasa por enterrar o tráfico ao redor da praza de Concepción Arenal, afirma que "se posibilita" unha senda peonil desde a estación de tren ao Parque do Posío, unha vía que "aproximadamente ocupará 2,5 quilómetros e servirá como nó de conexión". Do mesmo xeito, Jácome manifestou que a actuación "implicará modificacións" no mapa do tráfico actual, cambiando os sentidos de circulación de varias das rúas.

Así mesmo, comunicou que, con este proxecto, ademais dun espazo de case 20.000 metros cadrados de superficie libre de tráfico e semáforos, tamén "se gañará" un aparcadoiro de 200 prazas distribuídas en dúas alturas para uso dos condutores que entran á cidade.

UN CUSTO DE 26 MILLÓNS

O rexedor municipal expuxo que toda a obra suporá un custo de 26 millóns de euros que sairán integramente dos fondos do Concello de Ourense. "Hai remanente e está para ser investido na cidade, esta é unha obra tan importante que non se pode renunciar a ela", explicou.

No entanto, sinalou que "se a Xunta de Galicia quixese participar nesta nova visión da cidade, sería ben recibida". "Pero como Ourense é a Cincenta de Galicia, se iso non sucede, está o orzamento municipal", resolveu.

Os informes de aprobación, tanto da Xunta de Galicia como de Patrimonio, pola proximidade á Zona vella e á Ponte Romana, e da Confederación Hidrográfica, pola proximidade ao río, serán solicitados a mediados do 2021. Por iso, Jácome apuntou que, "se os prazos avanzan con normalidade", o proxecto se licitará para o 2022 e as obras terán comezo no 2023 e prolongaranse ata 2025. "Estaría ben que fose dentro deste mandato pero non é viable, así que polo menos inicialas"', apostilou.

Rúa do Paseo de Ourense este nadal. Rosa Veiga - Europa Press
Rúa do Paseo de Ourense este nadal. Rosa Veiga - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta