O Gran Premio de Carrilanas de Esteiro, festa de Interese Turístico Nacional?

A Xunta emitiu informe favorable para a súa declaración como festa de interese nacional, dous anos despois de converterse en festa de Interese Turístico de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2020 | Actualizada ás 19:34

Comparte esta noticia

No ano no que se cumpren dúas décadas desde que o descenso do Gran Premio de Carrilanas de Esteiro goza do recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia, a Xunta emitiu informe favorable para a súa declaración como de Interese Turístico Nacional.

En concreto, a Administración autonómica remitiu este mércores á Secretaría de Estado de Turismo, do Ministerio de Industria, o expediente administrativo co informe favorable da Xunta para a declaración desta festa co distintivo de interese nacional.

O informe remitido por Turismo de Galicia ao Ministerio recolle así que, de acordo coa documentación presentada pola entidade promotora, o evento cumpre os requisitos preceptivos para que sexa valorada para esta distinción.

O primeiro deles é que a celebración conte previamente coa declaración de festa de interese autonómico, recoñecemento do que goza desde o ano 2000. Ademais, na súa avaliación, Turismo de Galicia tivo en conta, entre outros factores, a súa singularidade, o seu recoñecemento como evento de referencia no verán galego así como a súa aposta pola recuperación das carrilanas, vehículos de madeira artesanais que unen o evento directamente cos xogos populares, as tradicións e a cultura galegas.

O Gran Prix Carrilanas de Esteiro, que se celebra todos os meses de xullo desde 1988, atópase "plenamente consolidado", con máis de 80 carrilanas participantes e 30.000 persoas de público que se dan cita para o descenso destes vehículos sen motor por un circuíto de aproximadamente 3 quilómetros.

Por outra banda, a Xunta valorou favorablemente a existencia de capacidade de acollida para os visitantes, a súa continuidade no tempo e o seu arraigamento e impacto na poboación así como o especial coidado coa contorna onde leva adiante a competición, entre outros aspectos.

Gran Premio de Carrilanas de Esteiro
Gran Premio de Carrilanas de Esteiro | Fonte: Turismo de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta