Doce minutos, o tempo dedicado á comisión para investigar a fusión das caixas en todo o ano

Sete anos despois de ser solicitado por primeira vez, o Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo remitiu á Cámara galega o informe-proposta para a investigación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/12/2020 | Actualizada ás 11:50

Comparte esta noticia

O 20 de outubro, o pleno do Parlamento de Galicia aprobou por terceira vez na última década a constitución da comisión de investigación para analizar a evolución económico-financeira das antigas caixas de aforros e as causas e responsabilidades da súa transformación en bancos, incluíndo as indemnizacións millonarias das súas exdirectivos. Este órgano tardou máis dun mes en constituírse, un acto formal que tivo lugar o 11 de decembro.

Doce minutos é o tempo que se dedicou a esta comisión no primeiro período de sesións da XI Lexislatura, que vén de terminar este 31 de decembro, e segundo recolle o propio balance á conclusión do ano que fixo o Grupo Popular e que remitiu aos medios de comunicación.

Sete anos despois de ser solicitado por primeira vez, dous anos tras o inicio dun proceso xudicial e exactamente seis meses despois da sentenza do TSXG que obrigaba á Xunta a enviar a documentación, o Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo remitiu á Cámara galega o informe-proposta da conselleira de Facenda, daquela Marta Fernández Currás, e o certificado da acta da reunión da comisión de secretarios xerais, previa á reunión do Consello da Xunta do 18 de novembro de 2010 (en que se autorizou a fusión das caixas galegas).

A proposta de fusión da Xunta foi, xunto á carta de encarga da análise que fixo KPMG da viabilidade da fusión (entregada con anterioridade), a documentación que demandou o exparlamentario Antón Sánchez á Xunta cando se constituíu por primeira vez a comisión e que finalmente reclamou recorrendo á xustiza para facer valer a súa condición de deputado e o dereito a contar cos informes reclamados. O pasado mes de xuño, o TSXG deulle a razón, pero a Administración galega tardou seis meses en rexistrar os documentos no Parlamento e envialos ao xulgado, esgotando os prazos ata ao último momento dados para o cumprimento da resolución xudicial.

Os informes foron remitidos pola Consellería de Facenda o pasado 23 de decembro, segundo figura no documento --que adiantou ABC--, e ten rexistro de entrada no Parlamento o 24 de decembro, tal e como se pode observar no papel ao que tamén accedeu Europa Press.

Con todo, esta información non foi incorporada ao expediente da comisión parlamentaria unha semana despois da súa chegada ao Pazo do Hórreo, nin sequera hai unha referencia a que existe (como é o habitual aínda que o documento sexa secreto). A documentación desta comisión foi declarada secreta para o público en xeral (incluída a prensa) cando se constituíu por primeira vez entre 2012 e 2013, aínda que os entón deputados de AGE --entre os que estaba Antón Sánchez-- difundiron a análise de KPMG, que non chegou a facer unha auditoria da (entón) futura fusión de Caixa Galicia e Caixanova.

A non incorporación desta documentación ao expediente contrasta con que, se se consultan os rexistros doutras comisións, como é a de reactivación pola covid-19, pódese observar que si se sumaron informes con chegada ao Parlamento con esa mesma data e mesmo posteriores, a 30 de decembro.

PROPOSTA DE FUSIÓN

O Consello da Xunta autorizou a fusión entre a Caixa de Aforros de Galicia e a Caixa de Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra (Caixanova, na súa marca comercial) "nos termos aprobados polas asembleas xerais das caixas nas sesións do 18 de outubro de 2010".

Así, no documento que remitiu Facenda, no que non se menciona a análise encargada a KMPG, e polo que a Xunta pagou un millón de euros, inclúese a consideración de que "non se deriva ningún prexuízo para as garantías dos impositores ou acredores das caixas", por canto a "solvencia da entidade vai reforzarse pola fusión e por canto os acredores tiveron a posibilidade, durante o prazo dun mes, de oporse á fusión se non lles garantían os créditos ou lles facían líquidos os seus depósitos".

No informe remitido tamén se recolle que o FROB --Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria--, que non se opuxo á fusión, aprobou a subscrición de participacións preferentes da entidade resultante por valor de 1.162 millóns de euros, co obxectivo "de reforzar os seus recursos propios".

Constitución da comisión de investigación das caixas por terceira vez
Constitución da comisión de investigación das caixas por terceira vez | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta