Coñece os primeiros sete montes do rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas

Están na Coruña e en Pontevedra.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/01/2021 | Actualizada ás 19:53

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural resolveu o primeiros sete procedementos de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, referidos a dous montes situados na provincia da Coruña e a outro cinco localizados na de Pontevedra.

En total, estes montes abarcan unha superficie de 257,59 hectáreas. As especies predominantes nas súas masas arbóreas son o carballo (Quercus robur), o castiñeiro (Castanea sativa) e o bidueiro (Betula celtiberica).

En concreto, no relativo á provincia da Coruña, quedan inscritas no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas as 66,69 hectáreas que ocupa o monte Raño, de titularidade da Comunidade de Montes Veciñais en man Común (CMVMC) de Verís, no municipio de Irixoa, así como as 24,86 ha do monte Fraga da Areosa, de titularidade do Concello de Mesía.

Xa na provincia de Pontevedra, inscríbense as 42,92 hectáreas do monte Ventín, de titularidade da CMVMC de Ventín, en Fornelos de Montes; as 40,96 ha do monte Agüeiros, de titularidade da entidad local menor de Arcos da Condesa, en Caldas de Reis; as 38,10 ha do monte Casa das Minas e San Bernabé, da CMVMC de Chamadoira, en Cerdedo-Cotobade; as 25,04 ha do monte Limeres, de titularidade da CMVMC de Limeres, en Cerdedo-Cotobade e, por último, as 19,02 hectáreas do monte Faro Aveloso, de titularidade da CMVMC de Meira, en Moaña.

Estas primeiras masas rexistradas contarán, a partir de agora, cunha serie de beneficios. Así, terán prioridade na concesión de axudas públicas, na realización de actuacións de mellora e aproveitamento continuadas para favorecer a súa xestión forestal activa, na divulgación dos seus valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou mesmo no fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.

Carballeira
Carballeira | Fonte: Javier Pais en Flickr.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta