Nove mortos máis elevan a 1.409 as vítimas da pandemia en Galicia

Os positivos diarios mantéñense por enriba dos 400 e aumentan os casos activos e a presión hospitalaria nunha xornada coa segunda taxa de positividade máis alta da segunda onda.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/01/2021 | Actualizada ás 11:56

Comparte esta noticia

A Consellería de  Sanidade notificou este sábado o falecemento de nove persoas que foran diagnosticadas de coronavirus, polo que o total de vítimas que deixa a pandemia en Galicia ascendeu a 1.409.

Xente na rúa San Pedro en Lugo
Xente na rúa San Pedro en Lugo | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Entre as vítimas hai un home de 83 anos de idade que morreu na residencia DomusVi de Vimianzo.

O resto perderon a vida mentres permanecían ingresados en hospitais. Catro foron no CHUS de Santiago: un home de 72 anos, outro de 80 e dúas mulleres, de 74 e 94 anos, respectivamente.

Outros dous óbitos producíronse no CHOP de Pontevedra --unha muller de 78 anos e un home de 80--, un no CHUAC da Coruña --un home de 82 anos--, e outro de 83 anos que estaba ingresado no hospital de Vilagarcía.

CONTAXIOS

O número de positivos novos diarios mantense en Galicia por entiba dos 400 por cuarta xornada consecutiva, mentres que tamén segue en aumento a presión hospitalaria, con nove ingresados máis dos que había hai 24 horas. Así se desprende dos datos publicados pola Consellería de Sanidade, con cifras ata as 18,00 horas do venres, que reflicten que ata ese momento detectáronse 412 casos de covid-19 en 24 horas, 29 menos que na xornada anterior.

Tamén continúa á alza o total de casos activos, pois se suman 56 máis este sábado, o que deixa o cómputo en 5.833. Ademais, Galicia rexistrou na última xornada a segunda taxa de positividade máis alta da segunda onda da pandemia cun 10,6% de casos de coronavirus detectados nas 4.429 probas PCR practicadas (2.508 menos que o día anterior).

Nos hospitais soben a 354 os ingresados con diagnóstico covid-19, dos cales 57 atópanse en UCI (dous máis).

A Coruña segue un día máis como a área sanitaria con maior número de ingresados con 92 (5 máis), dos que 20 precisan coidados intensivos (sen cambios).

Séguelle o distrito sanitario de Santiago-Barbanza, onde tamén soben os hospitalizados ata os 87 (4 máis) con oito deles en UCI (sen cambios); e Pontevedra-Salnés, área na que os ingresados baixan a 44 (sete menos) con 12 deles en UCI (sen cambios).

En Vigo hai 52 persoas ingresadas con coronavirus (3 máis), con 11 en críticos (dous máis); en Ferrol son 39 (dous máis) con 2 en UCI (sen cambios) e en Ourense-Verín-O Barco hai 2 (un máis), dous deles en coidados intensivos (sen cambios).

Por último, a área de Lugo contabiliza 16 pacientes covid-19 ingresados nos seus hospitais (un máis), dos cales dous están na unidade de críticos (sen cambios).

POSITIVOS DIARIOS

Respecto da detección de casos, Galicia encadea catro xornadas por enriba dos 400 positivos diarios, aínda que baixan respecto ao día anterior ao diagnosticarse covid-19 a 412 persoas, 29 menos que na xornada previa.

Con todo, esta baixada hai que encadrala nun día no que se practicaron 2.508 probas PCR menos que 24 horas antes. Foron un total de 4.429 probas das cales, un 10,6% deron positivo.

Trátase da segunda taxa de positividade máis alta da segunda onda da pandemia en Galicia, só superada polo 10,7% rexistrado o 19 de novembro.

As áreas da Coruña e Santiago achegaron máis da metade dos novos positivos con 116 (19 máis) e 115 (32 máis), respectivamente. En Vigo foron descubertos 65 casos (45 menos) mentres que en Pontevedra detectáronse 42 (seis máis).

Por último, en Ourense diagnosticouse covid-19 a 14 persoas (38 menos), en Ferrol a 21 (3 máis) e en Lugo a 39 (7 máis).

CASOS ACTIVOS

En relación aos casos activos en Galicia --persoas que manteñen a infección por covid-19--, a cifra continúa incrementándose e sobe en 56 ata os 5.833.

Durante o último día, as áreas co maior número de pacientes con enfermidade activa foron Santiago e O Barbanza, que acumula 1.356 (+10), e Vigo, que rexistra 1.175 (-6).

A maior variación da xornada prodúcese na área da Coruña-Cee, que suma 59 casos activos máis que na xornada previa que fan un total de 1.150.

En Ourense baixan a 595 (cinco menos) e tamén descenden en Pontevedra, que contabiliza 773 (16 menos). En Lugo mantéñense á alza os casos activos con 475 (12 máis) e en Ferrol increméntanse timidamente a 309 (dous máis).

CURADOS E FALECIDOS

Deste xeito, desde o inicio da pandemia diagnosticouse coronavirus a un total de 63.954 persoas. Delas, 56.724 curáronse, 386 nas últimas 24 horas.

Doutra banda, as vítimas mortais que deixou a pandemia desde o seu inicio en Galicia ascenden a 1.406, seis delas comunicadas na última xornada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta