Os efectos da covid: o 60% dos fogares galegos chegan con dificultade a final de mes

A crise da covid reduce aqueles que afrontan os gastos habituais ou extraordinarios con facilidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/01/2021 | Actualizada ás 11:24

Comparte esta noticia

Case seis de cada 10 fogares galegos chegaron con dificultade ou moita dificultade a final de mes durante o cuarto trimestre de 2020: o 47,49% con dificultade e o 9,99% con moita dificultade, segundo a enquisa conxuntural que publica este luns o Instituto Galego de Estatística (IGE).

No cuarto trimestre de 2020, mentres, o 42,52% restante dos fogares galegos chegaron con facilidade ou moita facilidade a final de mes. Con respecto ao trimestre anterior, prodúcese unha diminución de 5,64 puntos na porcentaxe de fogares que chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes. Aumentan, pola contra, a porcentaxe de fogares que chega con dificultade a fin de mes (2,67 puntos) e a porcentaxe de fogares que chega con moita dificultade o fin de mes (2,97 puntos).

En relación ao cuarto trimestre do ano 2019, a porcentaxe de fogares que chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes diminúe 11,74 puntos porcentuais. A porcentaxe de fogares que chega con dificultade a fin de mes aumenta 6,51 puntos entre ambos os períodos e a porcentaxe de fogares que chega con moita dificultade crece 5,23 puntos.

SEN EXTRAS

O 41,72% dos fogares galegos non se permitiu ningún extra nos tres últimos meses. Considéranse como extra os gastos destinados as vacacións ou viaxes, facer fronte a imprevistos ou grandes compras, extras de alimentación, roupa ou calzado, contratar novos servizos para o fogar, saír a cear, ir ao cinema, etcétera. Tamén se inclúe nesta categoría poder aforrar e traballar menos horas ou que algún membro do fogar permitiuse deixar de traballar.

O 12,39% dos fogares galegos diminuíu outros gastos comúns, como roupa, calzado, transporte, etcétera, excepto alimentación, no cuarto trimestre de 2020. Esta foi a medida económica máis habitual empregada polos fogares para reducir os gastos, aumentar os ingresos ou afrontar pagos neste período. Ademais, o 12,28% dos fogares galegos cambiou os seus hábitos de compra, comprando marcas brancas, produtos en oferta, etcétera.

O 43,09% dos fogares galegos pensou facer algún extra en produtos de alimentación nos próximos tres meses, o 33,59% aforrar algo de diñeiro, o 26,98% saír a cear, a cafetarías, ir ao cinema ou ao teatro e o 11,43% facer algunha compra extraordinaria en roupa ou calzado.

O 14,77% dos fogares galegos está a pagar a vivenda principal na que habitan, o 8,72% o coche e o 2,50% unha segunda vivenda. Con respecto ao mesmo trimestre de 2019, diminuíu 0,84 puntos a porcentaxe de fogares que están a pagar a súa vivenda habitual.

Economía.- Os españois, entre os europeos máis dispostos a solicitar financiamento para adquirir bens de consumo. GESTHA - Arquivo
Economía.- Os españois, entre os europeos máis dispostos a solicitar financiamento para adquirir bens de consumo. GESTHA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta