PSdeG e BNG alertan do aumento da taxa de positividade e urxen a reforzar as PCR, o rastrexo e o plan de vacinación

O PPdeG considera que o persoal para combater a covid-19 é "suficiente".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/01/2021 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, alertou do incremento da taxa de positividad "á vez que baixa o número de PCR realizadas en Galicia" polo que urxiu á Xunta a reforzar tanto estas probas como o sistema de rastrexo para facer fronte a unha posible terceira onda da covid-19.

Primeiro vacinado na área sanitaria de Ferrol
Primeiro vacinado na área sanitaria de Ferrol | Fonte: Sergas.

O xefe de filas do PSdeG considerou que os datos dos últimos días, nos que se experimentou un incremento dos contaxios, chaman á "prudencia" e a "extremar todas as medidas de cautela".

Neste sentido, tras apelar á "responsabilidade" de toda a cidadanía nun contexto no que se poden dar cifras "preocupantes" derivadas das celebracións do Nadal, avogou por despregar "toda a capacidade de esforzo fronte ao virus".

"É necesario que Galicia inicie o 2021 facendo cada día todas as PCR para que o sistema funcione adecuadamente", sostivo Gonzalo Caballero, que subliñou que tamén se debe de fortalecer o sistema de rastrexo.

Neste contexto e tras explicar que está pendente das decisións que poida adoptar este luns o comité clínico, considerou que pode "ser razoable" que o curso escolar comece en Galicia o luns 11 en lugar do día 8.

"A Xunta ten que pór todas as medidas para loitar contra o virus, levar adiante o plan de vacinación con eficiencia e fortalecer o sistema de rastrexo para que se dean orixe a todos os contaxios", insistiu.

BNG

A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, reclamou á Xunta que defina un plan de vacinación "claro" para a covid-19, con "obxectivos concretos e dotado dos recursos necesarios" para levar a vacina ao conxunto da poboación no menor tempo posible.

"Os centros de saúde están a xogar un papel clave na contención do virus, na detección de novos contaxios, no seguimento de contactos e, ademais, asumirán máis tarefas coa campaña de vacinación", sinalou tras esixir os recursos humanos, materiais e organizativos necesarios para que a vacinación cubra a toda a cidadanía.

Tras lembrar que estas semanas se está levando a cabo a vacinación dos usuarios e traballadores das residencias, pediu á Xunta que informe sobre o plan que prevé despregar para vacinar ao conxunto da poboación. "Vai contratar a máis persoal ou pretende vacinar a 2.7 millóns de habitantes co mesmo persoal que hai hoxe?", preguntou.

Neste sentido, instou ao Executivo galego a aclarar se a campaña se vai desenvolver nos centros de saúde, nos hospitais ou de forma conxunta; e insistiu na necesidade de que marque un calendario e uns obxectivos globais para levala a bo termo e con axilidade.

Olalla Rodil argumentou que "sería un desastre" que tamén na campaña de vacinación "se actuase con improvisación e falta de organización" e, ante o que considerou "a antesala da terceira onda", reiterou a necesidade de que a Xunta actúe con "previsión e anticipación".

"Preocúpanos a evolución epidemiolóxica á espera de ver o impacto que terán as festas que aínda non se reflicte nas estatísticas", manifestou para lembrar que xa hai "un 15% máis de persoas ingresadas" que en Nadal.

RESPOSTA DO PPDEG

Pola súa banda, preguntada pola petición de reforzar o plan de vacinación con máis persoal, a viceportavoz parlamentaria do PPdeG, Paula Prado, lembrou que a Xunta formou a un equipo de 200 profesionais para administrar a vacina. "Cada unha deles ten, á súa vez, un equipo de dez persoas", sinalou para asegurar que hai 2.000 persoas formadas para realizar esta area.

Neste sentido, asegurou que actualmente este persoal é "suficiente". "E se posteriormente se ve que a situación require máis persoal farase, como se fixo nos últimos meses", sostivo a parlamentaria do PP, que subliña que unhas 1.800 perosnas foron contratadas para facer fronte á crise sanitaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta