Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/01/2021 | Actualizada ás 18:05
A campaña de rebaixas de inverno implicará en Galicia a firma de máis de 9.000 contratos, o que supón unha caída de entre un 5% e un 10% en relación co mesmo período de 2019, segundo as estimacións de Adecco.
A empresa de recursos humanos lanza estes cálculos debido á afectación das festas do Nadal e a terceira onda de contaxios da pandemia de coronavirus, que influirán "negativamente debido á inestabilidade e incerteza da economía".
Así, Adecco prevé que durante os meses de xaneiro e febreiro haxa unha caída na contratación de entre o 5% e o 10% con respecto ao mesmo período do ano anterior, "dependendo do sector", que supón a firma de máis de 167.000 contratos en toda España.
Galicia é a sétima do ranking de autonomías que crearán máis emprego en rebaixas, onde se espera que se xeren máis de 9.000 novos postos de traballo.
PROVINCIAS, CC.AA. E SECTORES
Por provincias, Pontevedra liderará a campaña galega coa realización de 4.885 contratacións, seguida da Coruña con 3.320 novos contratos. A maior distancia sitúanse Lugo (rozaranse os 490 empregos) e Ourense (case 380 postos de traballo).
Por autonomías, Cataluña sitúase un ano máis á cabeza das previsións da campaña de rebaixas, xa que creará uns 30.000 postos de traballo. Tras ela, a Comunidade de Madrid e a Rexión de Murcia serán as que máis emprego xeren, 23.700 e 20.000 contratos, respectivamente.
Os sectores vinculados ao comercio e o e-Commerce son os que máis emprego xerarán na campaña de rebaixas: a distribución, o retail, a loxística, e o transporte.
Dependentes, promotores, comerciais, teleoperadores e azafatas serán algúns dos perfís máis demandados desta campaña. "Pero xa non só se demanda persoal para as tendas físicas, senón que, grazas ao comercio en liña viuse reforzada a incorporación de traballadores destinados á preparación e a distribución de pedidos", apunta Adecco.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.