Radiografía do acoso nos colexios galegos a estudantes LGTBI

Unha enquisa sinala que hai máis casos de agresións nas cidades que no rural.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/01/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Hai acoso a persoas LGTBI nos centros educativos galegos? Si. Tanto no rural como nas cidades, pero curiosamente é no ámbito urbano e entre mulleres onde máis se produce este tipo de violencia. E outro dato substancial: o acoso é maior nos centros nos que non se imparten formacións con perspectiva de xénero.

Menor acosado
Menor acosado | Fonte: Europa Press.

Unha enquisa a 246 estudantes de Secundaria en Galicia revela que máis da metade dos alumnos (55,7 %) son coñecedores de actos de acoso contra a diversidade sexual. Ademais, o 10,2 % recoñeceu exercer ese tipo de violencia e o 20,3% confesou ser vítima dos acosadores.

A consulta fíxose en centros das provincias de A Coruña e Lugo a 118 mozos e 128 mozas entre 11 e 17 anos de idade, dos cales 170 (69,1 %) pertenecían a áreas rurais e 76 a urbanas (30,9%). Dos 246 estudantes entrevistados, 190 (77,2 %) identificáronse como heterosexuais e 56 como LGBTI.

Os resultados sinalan que a violencia verbal é a expresión de odio máis frecuente entre os acosadores (42,6 %), exercida mediante o uso de palabras ofensivas, falar mal dun compañeiro ou compañeira a outros, burlas, ameazas ou escribir ofensas en paredes). Pero tamén se observaron outras violencias, a física (5,7 %), sexual (3,6 %), tecnolóxica (8,9 %), illamento ou exclusión (11,8 %), patrimonial (5,7 %) –subtracción de cousas– e coaccións (8,9 %).

Así mesmo, destácase que nas contornas urbanas este tipo de violencia é máis frecuente, así́ como entre mulleres e mediante accións en grupo. E constátase que este tipo de violencia non é puntual, senón persistente e habitual.

Aínda que se trata dunha violencia que afecta a todos e todas, un dato relevante tamén é que o acoso LGTBI dáse maiormente contra os varóns cando o agresor ou agresores son homes e cara ás mulleres cando son mulleres. E ocorre en maior medida no ámbito urbano, tanto cando a vítima é home como cando é muller.

A enquisa tamén evidencia que hai tres tipos de actitudes entre os estudantes espectadores destes eventos, é dicir, aqueles que sen ser protagonistas das agresións, presencian os feitos: por un lado están os que facilitan este tipo de violencia (10,5 %); por outro, os espectadores pasivos, é dicir, os que non fan nada (28,8 %), e por último, os que toman actitudes proactivas contra o acoso a través de mediacións ou da defensa das vítimas (60,7 %).

Entre os solidarios, as accións máis comúns de resposta son a defensa da vítima durante as agresións (60,6 %), mostras de enfado ao agresor ou agresora (52,8 %), medidas de mediación para que finalice a violencia (60,6 %) e informar o profesorado sobre as situacións (43,5 %).

Sobre o profesorado hai que resaltar que unha cuarta parte (26,1 %) non fai nada por acabar con esas agresións cando son conscientes da violencia ou mesmo xustifca ao agresor (23,5 %), segundo a versión dos alumnos enquisados.

Por exemplo, un varón de terceiro de ESO relata na enquisa:

“Algunha vez, cando lle empezaron a insultar e a rodealo entre varios, como era o noso amigo fomos a dicirlles que parasen de facerlle iso e despois dixémosllo á titora, pero ao final non serve de nada porque lles chamaron a atención, pero nada máis. Á seguinte semana estaban outra vez a amolalo”.

POUCAS DENUNCIAS

O temor das vítimas a represalias pola impunidade na que se moven os agresores e o medo a un xuízo moral público ou no ámbito familiar paralizan moitas denuncias. De feito, a enquisa revela que só no 22 % dos casos se denunciaron os feitos.

Segundo sinalan os autores do estudo, “aprécianse manifestacións que aluden ao medo a expoñerse ao visibilizar os feitos ou á interiorización da impunidade por parte do centro ou da contorna”.

ONDE E COMO ACTÚAN OS AGRESORES

“Un grupo de mozos achegábase a unha lesbiana e levábana ao baño para meterse con ela, dinlle que está enferma e que dá noxo e ela despoiss chora. Eu ás veces tento ir alí cando se foron todos porque me dá mágoa. Unha vez díxome que non podía máis porque non entendía por que  facían iso”.

Este é o testemuño dun rapaz de terceiro de ESO recollido polos enquisadores. Pero hai máis; unha moza de cuarto curso expuxo:

“Adoitaban ser unha cuadrilla de amigos, habitualmente homes e nunca sós, senón con todos os amigos, para facerse os chulos porque así́ quedan ben, pero cando están sós non o fan. Así́ séntense  máis machos e son máis populares, porque os fortes sempre teñen máis seguidores”.

Con relación aos lugares nos que adoitan producirse as situacións de violencia, o alumnado afirma que se dá máis dentro dos recintos escolares, especialmente no patio (9,3 %), durante as clases (5,7 %), entre as clases (4,5 %) e nos arredores do centro.

Pero tamén se constatou a combinación de varios espazos para exercer o acoso (6,5%); sendo os menos frecuentes os comedores, a través da internet e no transporte escolar.

“Vin situacións nas que o meu mellor amigo, que é gai, de ir pola rúa e berrarlle gai, maricón, muller, polla... e de chamalo por número oculto para insultalo. Iso é o peor, porque no instituto sabes que ao saír acábase, pero cando o fan por Facebook ou por Instagram é todo o tempo e poñen cousas moi feas que o ven todos e comentan”, relatou un estudante de terceiro de ESO.

Respecto dos motivos polos que se produce este tipo de violencia, algunhas agresións actívanse por prexuízos polos trazos físicos, do carácter e étnicos das vítimas. Así, un mozo de segundo curso recoñece a existencia de “insultos debido á forma de vestir”, por exemplo, ou “chamar a un coñecido maricón por comportarse afeminadamente”, di outro de cuarto na enquisa.

As motivacións son distintas, pero igual de reprobables. Por exemplo, un rapaz de terceiro afirma que algunhas veces a violencia se produce “por apostas co grupo de amigos”; outras, “para sentirse máis machotes”, di outro alumno de cuarto. E hai quen observa a debilidade dos acosadores, que agriden “porque teñen inseguridades en si mesmos e pensan que con insultar a alguén se sentirán mellor”, dixo unha rapaza de segundo.

ACOSADORES E VÍTIMAS

Dos 246 estudantes enquisados, 25 (10,2 %) confesaron que exerceron acoso LGBTI-fóbico contra compañeiros e compañeiras.

Entre os acosadores é relevante o feito de que se identificou un maior perfil de agresores mulleres que de homes e de alumnado de ámbito urbano que do rural.

Por exemplo, unha agresora de cuarto de ESO nun centro educativo urbano explicou así os motivos da súa violencia:

“Porque me facía graza. Cando me aburro métome con ela e todos rin. É por pasar o intre e rirnos todos. Ela tampouco se ofende porque xa está afeita a que todos se rían diso e non lle fago dano, é todo broma”.

Por outro lado, as cifras de acosados son alarmantes, xa que até o 20,3 % dos estudantes enquisados manifestaron sufrir acoso LGTBI-fóbico (o 18,6%, varóns e o 21,8 % mulleres), sendo o 17,6 % do ámbito rural e o 26,31% do urbano. Este dato cobra máis importancia se temo en conta que a gran maioría dos enquisados, o 69,1 %, eran de áreas rurais.

APOIO ÁS VÍTIMAS

Outra das cuestións expostas na enquisa refírese á solidariedade: “En todos os centros observouse un nivel de apoio baixo ás vítimas”, din os autores do estudo.

O alumnado identificou que os compañeiros son a principal fonte de apoio (11,38 %), seguido da familia (4,87 %); aínda que  tamén sinalan en menor medida o equipo directivo  (3,25%) e de orientación (4,47%) dos centros, os Servizos Sociais (0,4 %) e os equipos de Inspección Educativa (0,4 %).

“Con todo, estes resultados non permiten establecer conclusións, xa que 33 participantes non contestaron a pregunta”, advirten os autores do estudo.

O estudo está asinado por Luis Manuel Rodríguez Otero, da Universidad Autónoma de Sinaloa (México), e Purificación García Álvarez, da Universidade de Santiago de Compostela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta