A batería do teu próximo móbil podería durar o dobre grazas a unha investigación da USC

O proxecto ZABCAT estuda o futuro das baterías de zinc-aire, "máis baratas e duradeiras" que as actuais.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2021 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

Un equipo investigador da USC recibirá axuda internacional para impulsar un proxecto que podería revolucionar o funcionamento das baterías. Trátase, en concreto, do proxecto ZABCAT, liderado pola investigadora da USC María Giménez López, que pretende explorar o futuro e viabilidade das baterías de zinc-aire, con enormes oportunidades fronte ás de litio --as máis espalladas na actualidade-- pero que precisarían unha serie de reformas para ser seguras e útiles.

Unha persoa utilizando o seu teléfono móbil. STADA - Arquivo
Unha persoa utilizando o seu teléfono móbil. STADA - Arquivo

Ese será precisamente o obxectivo de ZABCAT, que, no marco da USC, "profundará nas posibilidades de desenvolvemento de baterías de zinc-aire". Segundo a universidade, este modelo de batería ofrece "unha alternativa máis sustentable, con maior capacidade, baixo custe e máis seguras que as tradicionais de ión de litio", presentes na infinda maioría de teléfonos móbiles.

A busca de novas alternativas, pois, contará co apoio do European Research Council, entidade fundada pola comisión europea que reparte fondos para aqueles proxectos máis prometedores no marco dos países membros. Neste aspecto, cabe destacar que o proxecto da investigadora da USC foi o único recoñecido polo ERC en todo o marco do Estado español.

TRIPLICAR A DURACIÓN

Pero, que beneficios podería ofrecer esa batería de zinc-aire que se persegue? Segundo explica a propia Giménez López,  "o novo prototipo podería en principio triplicar a duración do ciclo das celas nos sistemas actualmente dispoñibles", á parte de "duplicar" a produción de enerxía e reducir "nun 30%" o seu custo. Estas maiores prestacións derivan da "elevada densidade enerxética" desta nova clase de baterías, "capaces de acumular maior cantidade de enerxía que as actuais de ión de litio".

Ademais, destacan "trátase dunha alternativa de baixo impacto ambiental por incorporar zinc, un dos elementos máis abundantes na codia terrestre, polo que empregan materiais de alta dispoñibilidade, baixo custe e seguros". A pega está en que, para chegar a ser un sistema de almacenamento eficiente, a tecnoloxía zinc-aire aínda debe superar importantes obstáculos, entre os cales os investigadores sinalan "a degradación que ten lugar no cátodo e a corrosión do ánodo", que limitan "tanto a reversibilidade como a duración" destas baterías.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta