O alcalde de Santiago lamenta que o peche non funcionou como se desexaba

"Os datos non xustifican o sacrificio realizado, especialmente polo comercio e a hostalaría", subliña Bugallo.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/01/2021 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, fixo balance este venres da situación da covid-19 na cidade --especialmente do seu impacto nas festas do Nadal-- e indicou que, vistos os datos non só da capital galega, senón tamén de concellos limítrofes como Ames ou Teo, "con datos iguais ou superiores aos de Santiago", o peche perimetral de Compostela "non funcionou como se desexaba".

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo | Fonte: Concello de Santiago.

"O peche de Santiago non foi operativo, xa que hai moitas persoas doutros concellos que traballan e/ou estudan aquí", explicou o alcalde, que subliñou que os datos "non xustifican o sacrificio realizado, especialmente polo comercio e a hostalaría".

Nesta liña, Bugallo indicou que Santiago é "unha das cidades galegas máis afectadas pola crise do coronavirus", non só pola sanitaria, senón tamén pola económica.

"O pequeno e mediano comercio viu reducido as súas vendas por dous motivos: o descenso do turismo e a non mobilidade dos concellos próximos", explicou o alcalde, que tamén lamentou que "a colaboración ofrecida polo Concello para paliar unhas consecuencias tan severas non é suficiente".

Respecto da evolución dos contaxios, o rexedor compostelán mostrou a súa preocupación ante o continuo crecemento de positivos. "Onte rexistráronse 272 positivos, e é previsible que sigan crecendo ata, polo menos, mediados de mes, cando saian á boia todos os casos que se produciron durante o nadal", sinalou Bugallo.

"MEDIDAS ACERTADAS E EFICACES"

"Non quero ser crítico porque isto non é unha ciencia exacta, pero espero que a Consellería de Sanidade e o comité clínico tomen medidas acertadas e eficaces para non ir a peor, e que teñan en conta o impacto destas decisións en sectores que necesitamos que sigan vivos", desexou o alcalde, que reiterou a colaboración do goberno local "para facer cumprir as medidas".

Sánchez Bugallo opinou tamén sobre a distribución das vacinas contra a covid-19, cuxo atraso na aplicación cre que se solucionará "con rapidez"; non así as dificultades das empresas para abastecer as necesarias, un problema ao que non lle ve "tan fácil solución".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta