A Xunta pide aos galegos que se "autoconfinen" para "loitar contra a terceira onda" e amplía o peche do país ata fin de mes

O conselleiro de Sanidade alerta da relaxación dos cidadáns malia o aumento de contaxios e lembra que en Nadal houbo 2.513 sancións por incumprir as limitacións, un dato para "reflexionar".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/01/2021 | Actualizada ás 18:37

Comparte esta noticia

A terceira onda da covid-19 xa se deixa notar. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, chamou aos galegos a "autoconfinarse" e a saír só da casa para "cuestións esenciais" ante o incremento de contaxios que se rexistra en Galicia tras o Nadal.

Cidadáns na terraza dun bar de Lugo a 12 de decembro de 2020, en plena pandemia de covid-19
Cidadáns na terraza dun bar de Lugo a 12 de decembro de 2020, en plena pandemia de covid-19 | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Despois da reunión do subcomité clínico que asesora á Xunta na xestión da pandemia, o titular de Sanidade advertiu da "desmotivación ante as medidas de prevención".

"A percepción do risco sobre a gravidade da enfermidade no caso de contaxiarse reduciuse", asegurou o conselleiro que, aínda que recoñeceu que "está a ser unha loita longa", incidiu na necesidade de "non perder o medo" e de "non relaxarse".

O conselleiro pediu aos cidadáns "esforzo" para "loitar contra a terceira onda". "Temos que facer unha especie de autoconfinamiento nestes días, non saír de casa máis que por cuestións esenciais, limitar a nosa interacción social, limitar a nosa mobilidade", sinalou como medida para "tratar de frear" o avance dos contaxios.

"Contra esta fatiga pandémica só podemos insistir en que seguimos en alerta e que isto aínda non terminou", engadiu.

"PREOCUPACIÓN" POLOS CONTAXIOS TRAS O NADAL

O conselleiro mostrou a súa "preocupación" polo aumento dos casos positivos de covid-19 en Galicia tras as celebracións de Nadal en Galicia".

"Galicia rexistrou no período do Nadal 2.513 sancións por incumprir as limitacións. É un dato para a reflexión, houbo festas, houbo botellóns, os que menos, pero suficientes para expandir a covid-19 como demostran os datos destes últimos días", manifestou.

Tras iso, agradeceu o "esforzo" de "quen está a cumprir" e lamentou "profundamente" que outros non cumprisen as normas.

LEMBRA AS RECOMENDACIÓNS DA XUNTA

Preguntado por se o incremento dos contaxios garda relación coa relaxación das medidas durante esta época, o conselleiro lembrou que a Xunta e o propio comité clínico insistiron "moito" "nunha serie de recomendacións básicas" que se deberían respectar, como a de "gozar as festas unicamente con convivientes".

"Estamos seguros e temos certezas de que moitos galegos e galegas seguiron esta recomendación e así o fixeron, pero tamén temos evidencias agora, facendo estudo destes casos, que un número importante de xente, polo menos tanta como casos positivos, non o fixeron así", sinalou.

E é que, segundo indicou, do estudo dos casos están a descubrirse comidas familiares de "máis de dúas unidades convivientes". "Estes son datos constatables, que estamos a ver. Por fortuna non vemos máis porque cremos que unha parte importante dos galegos pasaron o Nadal como lle recomendaban os expertos e a Xunta, na súa casa cos seus familiares", incidiu.

PECHE PERIMETRAL AMPLIADO

Galicia permanecerá pechada perimetralmente ata finais do mes de xaneiro, período no que se intensificará o control da fronteira co norte de Portugal ante a situación epidemiolóxica desta rexión do país luso.

Trátase dunha das medidas acordadas no subcomité clínico para a xestión da pandemia en Galicia, que na súa reunión deste venres decidiu ampliar ata final de mes o peche perimetral que estaba decretado ata o 11 de xaneiro.

Deste xeito, non se poderá entrar nin saír do territorio galego agás por motivos xustificados. O foco, segundo detallou o conselleiro de Sanidade, estará na fronteira con Portugal debido ao impacto da pandemia no norte luso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 hYah

O único que hai é gripe e ganas de montar unha dictadura.

2 paletolandia....

Ollo que este incompetente só aguanta na Unta polo apoio mediático. Os verdadeiros problemas políticos que temos en Galicia é ausencia total dun partido de governo na oposición. O psdg non é un partido nin nada que se lle pareza e o bng anda sempre no seu ensimismamiento.... e unha absoluta corrupción mediática totalmente impresentable. Destes lodos mediáticos aqueles capitolios ..... sigo agardando algunha detención no caso dos militares......

1 Xanc

Que a cousa vai ben? Gracias a Fakejóo. Que a cousa vai mal? Culpa da xente que non ten Sentidiño. E así todo. Dá igual cando leas isto, sempre é así. Estes da Xunta teñen máis cara que espalda. Disfruten lo votado 4 años!