Os exames presenciais levantan a polémica na USC: é seguro o protocolo?

O alumnado denuncia "aglomeracións" e "falta de seguridade" nas xornadas de exames, pero dende a Universidade defenden a celebración presencial. Subliñan que, en catro meses, non se rexistrou "un só gromo". Alumnos e USC conveñen en que parte do estudantado prefire facer as probas presenciais.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2021 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

Novas mobilizacións na USC coa chegada da tempada de exames. Ao igual que acontecera nos meses do confinamento, o inicio da época de probas vén de desatar unha campaña na que un bo número de alumnos están a cargar contra a xestión da Universidade. Tralas protestas está a decisión da institución de desenvolver presencialmente os exames previstos para este mes de xaneiro, que segundo os estudantes están a ter lugar sen introducir medidas que garantan a seguridade.

Aula universitaria. UNIVERSIDADE DE VIGO - Arquivo
Aula universitaria. UNIVERSIDADE DE VIGO - Arquivo

A campaña, ao igual que a acontecida na segunda metade do curso pasado, está a ter lugar no eido das redes. Na noite do domingo, centos de estudantes anegaron a rede social twitter co hashtag #reaccionaUSC, vencellado á súa reivindicación particular. Aínda que unha boa proporción da rapazada que decidiu sumarse ás mobilizacións pide que os exames se celebren de xeito telemático, na orixe do movemento --nado na Facultade de Ciencias Políticas-- as esixencias eran outras.

Así o acredita unha representante da plataforma Xuntas por Políticas que prefire non dar o seu nome. A organización, que exerce como unha asemblea no seo da facultade, decidiu chamar á mobilización online logo de comprobar "aglomeracións" de alumnos da xornada de exames que tivo lugar o pasado venres. Segundo explican, deuse o caso de docentes que non identificaron ao alumnado sentado nas cadeiras, facendo imposible o rastrexo a posteriori no caso de se producir un contaxio.

Ante esta circunstancia, dende a Universidade quixeiron deixar claro que a presencialidade mantívose de acordo co disposto no resto de niveis educativos. "Non ten sentido que os cativos de primaria ou os rapaces de secundaria estean indo a clase e desprazándose e os nosos, adultos xa, non poidan ser responsables", sinalou ao respecto unha fonte da Universidade. En liñas paralelas, dende a institución subliñan que o cumprimento dos protocolos permitiu avanzar 4 meses de aulas "con 0 gromos" rexistrados. "Os protocolos existen e, coa colaboración de todos, están funcionando ben dende o comezo", subliñan. 

"CHAQUETAS AMOREADAS"

Con todo, as imaxes do alumnado nas mesas e das "chaquetas amoreadas no chan" veñen de levantar a indignación dunha parte do estudantado da USC. A petición orixinal de Xuntas por Políticas, porén, non vai dirixida a levar os exames á vía telemática, senón a "que se establezan medidas para garantizar a seguridade", en palabras da representante aludida. A rapaza sinala, neste aspecto, que "se a Universidade tivera desenvolto un protocolo seguro e inclusivo con tempo on habería estes problemas".

As demandas do alumnado chega porque, segundo deixaron claro nos seus chíos de Twitter, consideran que o actual modelo de celebración dos exames contradí a lóxica de prevención sostida nas últimas semanas. "Coñecemos o caso dunha rapaza de risco que leva meses sen saír da casa e agora non lle dan unha solución distinta a achegarse á facultade para facer o exame".

Aínda que a esixencia de exames telemáticos é, polo menos nas redes sociais, dominantes, dende Xuntas por políticas aseguran que hai carreiras onde a opinión maioritaria vai en favor da celebración presencial das probas, entre elas Medicina. En liñas paralelas, dende a propia universidade subliñan que "a maioría do alumnado quere facer [os exames] de forma presencial", e lembran, neste aspecto, que unha das demandas da folga do ano pasado era, precisamente, a presencialidade das probas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta