A oposición critica o plan de vacinación de Feijóo e pide "medidas urxentes e valentes"

Ana Pontón pide a comparecencia de Feijóo na Cámara. Gonzalo Caballero reclama a posta en marcha dun plan de vacinación "sólido". Ciudadanos solicita mellorar a estratexia de vacinación en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2021 | Actualizada ás 12:02

Comparte esta noticia

Os principais grupos da oposición critican duramente o plan de vacinación da covid da Xunta. Os nacionalistas piden xa a comparecencia de Feijóo e os socialistas a posta en marcha dun plan "sólido e solvente", mentres que Cs pide medidas "urxentes". As críticas chegan despois de que a pasada semana a Administración autonómica informase de que xa fornecera gran parte das doses recibidas pero reservou un terzo do stock da vacina para garantir a segunda dose no caso de que se producise algunha incidencia na subministración.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, comparece en rolda de prensa no Parlamento.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, comparece en rolda de prensa no Parlamento. | Fonte: Europa Press

A portavoz nacional do BNG e parlamentaria do grupo nacionalista, Ana Pontón, reclamou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, compareza na Deputación Permanente do Parlamento para explicar as actuacións que adoptou e seguirá impulsando o Goberno galego para combater a pandemia. Ademais, esixiu "medidas valentes" para mitigar unha "terceira onda" de covid-19.

Entre outras cuestións, Pontón quere que Feijóo explique "o plan de vacinación" que ten a Xunta, o cal considera que vai con lentitude. É máis, fixo a reflexión de que, ao actual ritmo, tardaríanse "catro anos" en vacinar ao 70 por cento da poboación e seis anos ao 100 por cen.

Nun almorzo informativo con motivo deste principio de ano, para presentar os obxectivos do BNG para 2021, Pontón lamentou que "cada vez que tenden a man, Feijóo ignora a chamada". Ao presidente autonómico culpouno de "non ter proxecto de país e usar Galicia para a confrontación". Respecto diso, lamentou tanto "o servilismo inútil" como a "confrontación estéril" nas que, dixo, están instalados PSdeG e PPdeG.

PSdeG

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu á Xunta a posta en marcha dun plan de vacinación "sólido e solvente" e asegurou que "non é lóxico que as vacúas estean gardadas" no Servizo Galego de Saúde (Sergas) cando "poden ser usadas". "Non podemos ter no sistema de saúde as vacinas esperando cando estamos ante a maior crise, con moitos focos e cando a poboación en situación máis vulnerable segue asumindo grandes riscos", manifestou nunha rolda de prensa ofrecida este luns no Parlamento de Galicia.

Na súa intervención, o xefe de filas dos socialistas galegos sostivo que España é un dos países aos que a vacina está a chegar "nun primeiro momento" polo que avogou por "aproveitar a posibilidade que dá a ciencia e a seguridade das vacinas fronte aos virus". Neste sentido, emprazou á Xunta a desenvolver un plan que permita facer chegar as doses á poboación coa "maior celeridade". "Que ningún galego teña que estar a esperar a que se lle poida pór a vacina se esa vacina está dispoñible nos sistemas de conxelado do Sergas", sinalou.

CIUDADANOS

No mesmo senso, a coordinadora de Cs en Galicia, Beatriz Pino, demandou medidas "urxentes" para mellorar a estratexia de vacinación tanto na comunidade galega como no Estado. Así o asegurou este luns a coordinadora de Cs en Galicia, tras presentar unha pregunta no Parlamento de Galicia para que o Goberno central active un plan nacional de vacinación urxente con garantías de subministración e recursos.

"Estamos preocupados polo aumento de contaxios en Galicia e a falta de planificación por parte do Goberno central na campaña de vacinas", apunta. "A situación é de extrema gravidade, as UCI sofren o seu momento máis crítico e a insuficiencia de recursos humanos correspondente a persoal sanitario é xa recorrente, e vese agravada polas baixas laborais, as situacións de illamento por corentena ou de necesarias quendas de descanso", sostén.

Pino asegurou que, aínda que en Galicia xa se usaron máis do 60% das doses recibidas, é "fundamental" acelerar a campaña de vacinación coa posibilidade de vacinar os festivos e fins de semana, así como activar todos os recursos sanitarios dispoñibles, públicos e privados, para complementar os esforzos realizados polas comunidades en materia de rastreos e realización de probas de diagnóstico da covid.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta