Temas: MAR NéSTOR REGO

O BNG denuncia un incremento de multas a pequenas embarcacións que non levan a bandeira española

O deputado Néstor Rego pide ao Goberno que cambie a normativa, xa que "a maioría" dos barcos galegos "en ningún caso saen de augas interiores".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/01/2021 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denunciou un incremento de multas impostas pola Garda Civil a pequenas embarcacións que non levan a bandeira española cando "a maioría das matriculadas en Galicia non saen de augas interiores", polo que non teñen a necesidade de identificación por parte das autoridades estranxeiras.

Barco galego
Barco galego | Fonte: Xunta.

Rego explica que interpelou ao Goberno polo incremento producido nos últimos días nas multas impostas a barcos por esta cuestión. "Esta intensificación case parece unha campaña de persecución específica con ánimo exemplarizante e de afección ao simbolismo español ademais de recadatorio tanto por parte do Servizo Marítimo da Garda Civil como por parte das unidades de patrulla por terra deste corpo", indicou.

Ante iso, os nacionalistas preguntan se se deron instrucións desde o Goberno español á Garda Civil para que realice esta campaña sacionadora e o motivo da mesma.

O BNG considera que esta "obrigatoriedade" de levar bandeira española pode ser entendida no caso dos buques que saen a augas internacionais ou que se desprazan a augas doutros Estados, xa que nese suposto a embarcación "é considerada territorio do Estado español e debe ser facilmente indetificada a bandeira baixo a cal navega".

Con todo, subliña que "esta necesidade non se dá no caso das que navegan exclusivamente por augas interiores ou que se atopan atracadas en porto". "A falta de bandeira visible non afecta á posibilidade de idenficiación da embarcación, pois debe lembrarse que todas elas deben levar tamén o denominado folio de matriculación que permite aos axentes da Garda Civil comprobar a situación dunha embarcación amarrada ou que se atopa nas augas dunha ría".

O Bloque explica que os barcos afectados polo que cualifica de "campaña abusiva de multas" son principalmente de pesca ou marisco á boia, embarcacións auxiliares e recreativas. Ademais, sinala que hai casos de pequenas barcas, chalanas ou dornas utilizadas para o recreo ou para a captura de peixe para o autoconsumo.

"Todas estas embarcacións estarían en principio obrigadas de forma absurda a levar bandeira española para facilitar a súa suposta identificación mesmo aínda que non saian de porto. É máis, a lexislación vixente obriga mesmo ás bateas, que non teñen consideración de buques a identificarse mediante bandeira, o que resulta curioso cando non hai posibilidade de desprazamento e nin tan sequera dispoñen dun mastro onde pola", censura Rego, que pide ao Goberno que cambie a normativa.

Así, reclama que se teña en conta que a maioría das embarcacións matriculadas en Galicia "en ningún caso saen de augas interiores", polo que "non existe esa necesidade de idenficiación".

Temas: MAR NéSTOR REGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta