A Xunta xa proporcionou 30.400 vacinas a residencias de maiores libres de covid

ASPE considera que a vacinación contra a Covid-19 de todos os profesionais sanitarios, sexan da sanidade pública ou privada, é un feito "positivo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2021 | Actualizada ás 12:45

Comparte esta noticia

A Xunta leva fornecidas 30.400 vacinas en residencias de maiores de Galicia "libres de covid", aquelas que non contan con casos de coronavirus, o que supón o 81% da primeira dose, que espera concluír esta semana. Mentres, mantén o mes de xaneiro como prazo para chegar tamén ao 100% da segunda quenda.

Así o destacou a conselleira de Política Social, Fabiola García, en declaracións aos medios de comunicación antes de manter unha nova reunión telemática con profesionais das residencias públicas de maiores de Galicia, co "dobre obxectivo" de darlles "as grazas polo intenso traballo" e "para pedirlles un último esforzo" ante unhas semanas "moi difíciles".

García pediu "máxima precaución e prudencia ata que estea plenamente inmunizada" esta poboación de risco, de aí a nova circular que a consellería remitiu aos centros e tamén a decisión do comité clínico de elevar ao nivel máximo as medidas fronte á covid nestas residencias, co cal quedan suspendidas as visitas de residentes ao exterior e minimizadas as dos familiares a "unha por semana".

"Quedan semanas moi difíciles ata chegar ao 100% de vacinación e por iso pedimos un esforzo aínda maior", resaltou a responsable de Política Social.

Á COLA EN PRAZAS PÚBLICAS

Preguntada polos xornalistas polos datos que sitúan a Galicia á cola en porcentaxe de prazas públicas de residencias de maiores, a conselleira reivindicou "esforzo" para incrementar este número durante os últimos 11 anos, aumento que fixou no 44% nese período.

Ademais, sinalou que se pon "disposición dos maiores" o bono residencial "a través do cal pode custear a praza que escolla". Dado que hai concedidos máis de 6.000 bonos, de acordo cos seus números, "sumados ás prazas públicas, Galicia conta cunha cobertura de fondos públicos do 70%".

Cifras oficiais do Imserso reflicten que, en Galicia, a porcentaxe de prazas públicas sobre o total é do 41%, o máis baixo de todas as comunidades autónomas, o que implica que a maioría son privadas.

A conselleira de Política Social, Fabiola García
A conselleira de Política Social, Fabiola García | Fonte: Europa Press

ASPE APROBA A VACINACIÓN NA SANIDADE PRIVADA

Por outra banda, a Alianza da Sanidade Privada Española (ASPE) cualificou como un feito "positivo" que as administracións sanitarias das comunidades autónomas, onde existe unha "sólida implantación empresarial da sanidade privada", confirmasen que non existirá discriminación na subministración de vacinas contra a Covid-19 aos profesionais sanitarios destes centros.

"Todos os profesionais sanitarios, independentemente de se traballan na pública ou na privada, son traballadores que expoñen a súa vida e, todos sen excepción, deben ser inmunizados. Alegrámonos destas decisións a favor tanto da súa seguridade como da dos seus pacientes", dixo o presidente de ASPE, Carlos Rus.

"A complementariedade da sanidade pública e a privada é unha ferramenta clave de xestión do Sistema Nacional de Saúde, que garantirá a vacinación da sociedade española no menor tempo posible. Somos un sector de alta cualificación profesional e técnica, eficiente e ben organizado capaz de asumir un papel relevante na maior campaña de vacinación da nosa historia", resolveu Rus. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta