Comparte esta noticia

A pandemia segue espallándose sen control en Galicia. Cos indicadores da Consellería de Sanidade marcando novos e funestos récords cada día, semella cada vez máis claro que a terceira ola superará amplamente a incidencia da segunda e a primeira. Os contaxios na Comunidade galega veñen de tomar un ritmo vertixinoso á saída do Nadal que, de non verse reducido, podería pulverizar o récord de casos activos en só dous días. 

Sanitarios entran nunha vivenda de Foz. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Sanitarios entran nunha vivenda de Foz. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

Así se desprende dos propios datos da Consellería de Sanidade, que este mesmo mércores deron parte dun novo récord de contaxios: 928. Cómpre lembrar que esta cifra tan só recolle os positivos confirmados por PCR e que, xa no ano pasado, o executivo de Feijóo esixiu aos sanitarios galegos que reduciran o número de probas practicadas. En calqueira caso, o récord deixa a Galicia ás portas dunha nova marca que abriría terreo descoñecido no que á pandemia se refire.

Tomando as cifras de contaxios dos días inmediatamente posteriores ás vacacións de nadal --arrincando o día 6 deste mes-- podemos comprobar como os contaxios medran a un ritmo medio do 5'74% diario. Esta enorme taxa de cremento explica que, en só unha semana, Galicia pasara de rexistrar 6.404 casos activos a 9.479. A problemática está en que, de non baixar este ritmo, a Comunidade pasaría a superar a barreira dos 10.000 contaxios apenas dous días.

MEDIDAS INSUFICIENTES?

Apenas hai precedentes de que Galicia se situara máis alá desa barreira. A comezos de novembro, a Comunidade estivo por riba deste negro limiar durante apenas unha semana, antes de que os contaxios comezaran a descender e a segunda vaga se dera por estabilizada. Neste caso, porén, o aceleramento dos contaxios nos últimos días --tendo en conta o récord de casos deste mércores-- indica que o curso da pandemia pode ser distinto. De continuar con este 5'74%, Galicia arrincaría a fin de semana con 10.598 positivos, 300 por riba do récord do 7 de novembro.

Ante estas circunstancias, o comité clínico da Xunta de Galicia vén de apuntar por un peche da hostalaría en toda Galicia ás 18:00 como mellor solución para atallar os contaxios, restrición que viría acompañada por unha limitación da mobilidade por termos municipais --apenas días despois de optar polo confinamento en "améndoas"--. Na mañá deste mércores, as autoridades autonómicas veñen de anunciar que trasladan o toque de recollida ás 22:00 horas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta