O empresariado lamenta o "novo golpe industrial" que supón o peche de Siemens Gamesa

González Formoso tacha de "inaceptable" que Siemens Gamesa cerre nas Somozas mentres "monta unha fábrica en Francia".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2021 | Actualizada ás 15:07

Comparte esta noticia

A confederación de empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal bota en falta "unha actuación máis decidida" das administracións ante o peche de Siemens Gamesa nas Somozas. O presidente da confederación, Cristóbal Dobarro, trasladou o seu pesar polo peche da planta, "epílogo dunha situación pola que vén manifestando preocupación desde hai tempo e que supón a crónica dunha morte anunciada", segundo sinala a través dunha nota de prensa.

Dobarro sostén que a ausencia de demanda do modelo de pas que se fabricaba nas Somozas e a falta de competitividade desta planta en relación con outras pertencentes ao mesmo grupo "facían temer este desenlace", e neste sentido lamenta que non se produciu "unha actuación máis decidida e maior previsión por parte das administracións, para dar unha saída favorable á comarca nestas circunstancias".

O seu colectivo de empresarios mostra a súa preocupación por este "novo golpe industrial á zona" de Ferrolterra, que inscribe no proceso de desindustrialización que está a padecer "en toda Galicia". Con este panorama, instan as administracións competentes a establecer un plan industrial "claro, con fitos concretos, que permita reverter esta situación, así como un plan de desenvolvemento coherente e específico para Ferrol, Eume e Ortegal".

QUEIXAS

Por outra banda, os empresarios das Somozas advirten dos "prexuízos" do peche do acceso ao polígono ás empresas de servizos esenciais "non relacionadas co conflito de Siemens Gamesa". A entidade enviou un comunicado á Subdelegación do Goberno reclamando "garantías para poder desenvolver a súa actividade con normalidade". No documento manifestan "solidariedade co persoal da compañía", á vez que advirten de "a repercusión negativa que as medidas de presión que se adopten poden supor para as restantes empresas do polígono, que non están involucradas no conflito".

Reunión do comité de empresa de Siemens Gamesa nas Somozas (A Coruña)
Reunión do comité de empresa de Siemens Gamesa nas Somozas (A Coruña) | Fonte: Europa Press

300 FAMILIAS Á RÚA

O alcalde das Pontes de García Rodríguez, Valentín González Formoso (PSOE), tachou de "inaceptable" que Siemens Gamesa peche a planta das Somozas mentres "está a montar unha fábrica de pas para aeroxerador en Francia". Ao seu xuízo, esta é "a pinga que colma o vaso", xa que a consigna é "carbón non, renovables si, pero o emprego que xeran as enerxías renovables, que tanto se promete, tampouco".

"Siemens Gamesa estase marchando e con ela case 300 familias que se van á rúa", denunciou. Por iso, destacou que se fará unha convocatoria para crear unha mesa para abordar "o futuro industrial destas comarcas, onde se convidará a todos os alcaldes e a todas as administracións, que deberían estar involucradas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta