Usuarios e persoal do 94% de residencias xa están vacinados e a segunda dose comezará a administrarse o día 17

O obxectivo é que este mesmo mes poidan quedar inmunizados coas dúas doses traballadores e usuarios dos centros xeriátricos que estean libres de covid-19.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/01/2021 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou este xoves que o ritmo de vacinación fronte á covid-19 avanza segundo o que permiten as doses recibidas. Así, concretou que usuarios e traballadores do 94% de residencias galegas xa recibiron a primeira dose e a segunda empezarase a administrar o vindeiro domingo 17, transcorridos os 21 días necesarios.

Primeiro vacinado contra a covid-19 na área sanitaria de Ferrol
Primeiro vacinado contra a covid-19 na área sanitaria de Ferrol | Fonte: SERGAS.

"O domingo día 17 ás 8,00 horas vacinaremos á primeira persoa que recibiu a vacina en Galicia na residencia Porta do Camiño en Santiago", sentenciou Feijóo, quen situou no 94% as residencias nas que xa se administrou a primeira dose da vacina aos usuarios e ao persoal --521 dun total de 566--.

En total, administráronse 33.351 doses ao persoal e aos anciáns que residen en centros xeriátricos galegos.

Tras o Consello da Xunta, que analizou o plan de vacinación, ratificou que o obxectivo é que este mesmo mes poidan quedar inmunizados coas dúas doses traballadores e usuarios dos centros xeriátricos que estean libres de covid-19 --nos que se rexistran gromos é preciso "esperar", lembrou--.

E engadiu que, con 2.200 traballadores de enfermaría preparados para actuar, Galicia está disposta a seguir o ritmo de vacinación "sen descanso". De momento, bastaba con 200 membros do persoal de enfermaría para as 18.000 doses de Pfizer que Galicia recibe á semana. Pero Feijóo lembrou que agora se sumarán as 1.800 de Moderna e agregou que, se se autorizan novas vacinas e hai máis doses, a dotación de profesionais sanitarios para administralas "non será un problema".

En canto aos sanitarios, indicou que este mércores empezou "con normalidade" o proceso de vacina nos servizos prefixados polo protocolo. "Vacinamos a máis de 5.000 e hoxe o obxectivo é chegar a 7.000 para vacinar ao redor de 20.000 á semana", explicou o presidente, para engadir que Política Social e Sanidade traballan para concretar os protocolos dos seguintes grupos.

Respecto diso, avanzou que o obxectivo é que os sanitarios que non estean nos servizos de "primeira liña de vacinación" e outro persoal sociosanitario (por exemplo, quen traballan en centros de día e os que atenden a persoas na súa domiciio) empecen a ser vacinados entre o 10 e o 12 de febreiro.

Para os grandes dependentes, que estarán na seguinte quenda, o presidente calcula que se podería empezar en marzo. En todo caso, Feijóo pediu "un esforzo" á poboación e responsabilidade, xa que --remarcou-- "non hai tratamento" contra o virus nin vacinas "suficientes" non só en Galicia ou España, senón tamén no resto de países.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta