Feijóo defende non ter confinado Galicia no Nadal: "as medidas hai que tomalas cando hai contaxiados"

Di que todas as medidas adoptadas se fixeron tendo en conta as recomendacións do Comité Clínico e insiste en comparar os seus mellores datos da pandemia co do resto de España.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/01/2021 | Actualizada ás 15:03

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, está convencido de que a estratexia que adoptou no Nadal foi a máis adecuada, non confinando o país, e permitindo a mobilidade varios días durante os festivos de Nadal. Unha situación que está provocando agora que Galicia entrara de cheo na terceira onda pulverizando moitos récords das ondas anteriores. "Isto non se inventa... Todo o que se fixo está validado polo comité clínico", defendeu.

Feijóo en rolda de prensa.. Xunta de Galicia
Feijóo en rolda de prensa.. Xunta de Galicia

En declaracións aos medios logo do Consello da Xunta, dixo que non se tomaron medidas máis estrictas porque a situación non o requería. "As medidas hai que tomalas cando hai contaxiados", dixo ao suliñar que antes do Nadal as cifras de contaxios en Galicia non aconsellaban tomar medidas máis restrictivas das que xa se tiñan tomado. "Fixemos o que tiñamos que facer en función da nosa situación", apuntou.

En todo caso, volveu responsabilizar ao Consello Interterritorial de Sanidad de ser o responsable de permitir ata nove persoas convivintes durante as comidas familiares. "Nós insistimos en que foran seis pero non foi posible e tivemos que adoptar esa medida porque era unha orde ministerial", defendeu. 

Tamén responsabilizou do incremento dos contaxios aos propios cidadáns por non ter "autocontención". "Lin hoxe en La Voz que houbo un gran incremento de viaxes entre A Coruña e Becerreá a pesar dos peches. Iso é que ían ver a neve", indicou. "A xente ten que autocontrolarse e vixiarse", matizou. 

COMPARATIVA CO RESTO DO ESTADO

Na súa argumentación para non tomar medidas máis duras durante o Nadal, Feijóo dixo que a 31 de decembro, a situación epidemiolóxica de Galicia era mellor que os 40 días anteriores, mentres que en España "xa era moito peor". O 12 de xaneiro Galicia xa estaba 70 puntos por riba dos datos do 30 de novembro, e España 178, dixo. "Foi por iso que tomamos as medidas que tomamos", defendeu. 

"Isto non se inventa e non se abre ou pecha unha cidade se non hai unha validación por parte do Comité Clínico", asegurou. "As normas hai que cumplilas e depende da nosa vontada e da responsabilidade colectiva das administracións e tamén da sociedade", insistiu. 

Con todo, dixo que as medidas adoptadas polo Comité Clínico esta semana son xa "suficientes" para tentar parar esta terceira onda e descartou un confinamento total de Galicia. "Confinamos xa o 67% do país e non podemos confinar aos concellos que están por baixo da taxa de positividade recomendada pola OMS --que é do 5%--", matizou ao tempo que alertou que os datos desta terceira onda serán peor que os da primeira.

INCREMENTO DE CASOS NO NADAL

Sobre o aumento de casos durante o Nadal dixo que foron debidos, sobre todo, ás reunións familiares e de amigos "xa que, ademais, aquí hai máis días festivos que en calquera outro lugar de Europa". Tamén apuntou que, agora, o virus mutou e "ten máis posibilidades de infección que antes".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta