Malestar entre municipios e deputacións porque a Xunta non contase con eles para o fondo de axudas á hostalaría

"Non nos convocaron á reunión e non tiñamos ningunha noticia respecto diso", trasladan a desde a FEGAMP e lembran que os concellos xa levan prestando axudas "na medida das súas posibilidades desde o confinamento".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2021 | Actualizada ás 17:30

Comparte esta noticia

A reunión entre o Goberno galego e parte das asociacións de hostalaría saldouse este mércores cunha proposta: un fondo de axudas ao sector financiado tanto pola Xunta como polas deputacións e os concellos. No entanto, varias administracións locais e provinciais trasladaron as súas dúbidas sobre o proxecto e lamentaron especialmente que se anunciase a través dos medios e non se contase con elas.

Este 'fondo de cooperación covid-19' destinaríase ao pago de axudas polos prexuízos causados pola pandemia a este tipo de establecementos. A proposta dada a coñecer este mércores inclúe tamén o peso concreto do tres administracións no seu financiamento, cun 50% a cargo do Goberno galego, un 30% da man das deputacións e un 20% por parte dos municipios.

"Non nos convocaron á reunión e non tiñamos ningunha noticia respecto diso", trasladan a  desde a Federación Galega de Municipios e Provincias, que lembran que os concellos xa levan prestando axudas "na medida das súas posibilidades desde o confinamento".

A Fegamp lamenta que este tipo de iniciativa se coñezan "por anuncios" do Goberno galego ou "polos medios", en lugar de en encontros que permitan "traballar man a man". "Estudaremos a proposta que nos trasladen, pero sería máis efectivo estar na reunión como parte supostamente involucrada", engaden.

O discurso é similar nas principais cidades galegas, que defenden o traballo e o esforzo realizado ata agora pola administración local e as constantes chamadas á coordinación das liñas e as convocatorias de axudas. "Se a Xunta quere facer algo cos concellos debería falar connosco. Eu non teño información nin ningunha petición de reunión" trasladou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen lembrou que a diferenza do Goberno local "non deu nin un euro en 2020". Neste sentido, instou á Xunta a dar "as cantidades que xa recibiu da UE para isto". "Pero se quere unha reunión, que mo diga, e eu recibo ao presidente da Xunta", resolveu.

RECURSOS, PERO SEN DILACIÓNS

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, avanzou que estudarán a fórmula "cando se propoña". "Non me opoño a estudar outras hipóteses sempre que redunde en máis recursos aos afectados e maior rapidez. Se non é así, o que hai que facer é coordinar contidos e programas e facelos complementarios uns doutros". Bugallo apelou á "cooperación" e a "coordinación" tanto no tipo como nos criterios das axudas que se conceden ao sector, e evitar "máis dilacións en tempos" ou "no proceso" para facelas chegar á sociedade.

"A coordinación debe existir. O fondo único non vexo fácil facelo operativo", insistiu, para lembrar que as subvencións do goberno local "están a funcionar" e xa traballan coa hipótese de sacar unha nova convocatoria no horizonte de abril ou maio.

O Goberno local da Coruña tamén incide nesa idea, e lembrou o seu defensa de "unha mesa de coordinación entre administracións" para este tipo de subvencións ante a pandemia, mentres que Ferrol advertiu que o municipio "está ao límite do esforzo que pode facer".

"Todas as iniciativas de apoio son benvidas, e desde o primeiro momento o Concello sempre defendeu que todas as administracións tiñan que achegar na medida das súas posibilidades", explican fontes do goberno local ferrolán, que lamentan que isto chegue "agora".

SEN CONSULTA PREVIA

Tamén se pronunciaron as deputacións provinciais da Coruña e Lugo, que censuraron o anuncio dunha proposta con porcentaxes prefixados de financiamento e sen contar coas administracións ás que se quere implicar no fondo. A entidade presidida por Valentín González Formoso advertiu de que a Xunta chega "tarde" e nun momento no que as administracións locais levan actividades plans de axudas que representan "varios millóns de euros para os sectores máis afectados".

"Boa parte do atraso no cobro das axudas vén dado precisamente porque a Xunta non asumiu as súas competencias e non liderou a necesaria coordinación de todas as administracións galegas, o que ocasionou que cada administración local puxese en marcha liñas diferentes", resolveron.

A Deputación de Lugo, pola súa banda, criticou que o Goberno galego recorra á "improvisación" cando "sente acurralado" e non realizase esta proposta durante o proceso de elaboración dos orzamentos das entidades provinciais. Do mesmo xeito, censura que se utilice ao sector "para tapar a súa propia falta de xestión" e de "axudas contundentes", cando todas as administracións impulsaron as súas propias convocatorias.

Unha muller protesta fronte á casa de Feijóo. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Unha muller protesta fronte á casa de Feijóo. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta