A Xunta descarta intervir a residencia DomusVi Ribeira porque ten "persoal suficiente" para atender o gromo de covid-19

Afecta a 61 usuarios e 13 traballadores.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/01/2021 | Actualizada ás 18:34

Comparte esta noticia

A Xunta descarta intervir a residencia de maiores DomusVi da localidade coruñesa de Ribeira porque entende que o centro conta co "persoal suficiente" para atender o gromo de coronavirus que, segundo o último balance ofrecido polas autoridades sanitarias, afecta a 61 usuarios e 13 traballadores.

Un traballador sanitario totalmente protexido traslada unha padiola nas inmediacións dunha residencia de anciáns
Un traballador sanitario totalmente protexido traslada unha padiola nas inmediacións dunha residencia de anciáns | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Así o trasladaron fontes da Consellería de Política Social tras a solicitude formulada pola asociación Vellez Digna, que cualifica a situación na residencia de "crítica e que evoluciona cada día a peor" debido ao aumento dos casos e as baixas no persoal.

A Adminsitración galega sinala que "verificou" que o centro "conta co persoal suficiente para atender a situación actual na residencia". Ademais, destaca que as baixas no centro cubríronse e que "parte dos residentes" foron trasladados á residencia integrada situada no Cegadi, en Santiago.

Pola súa banda, a asociación Vellez Digna denuncia o impacto da pandemia nas residencias de maiores, especialmente despois do ocorrido durante a primeira onda da pandemia.

O colectivo dirixe as súas críticas ao grupo que xestiona a residencia de Ribeira, DomusVi, ao que acusa de "seguir primando o beneficio económico sobre a prevención".

"Moita publicidade e poucos coidados, seguen sen cumprir os cocientes de persoal, habitualmente por baixo dos mínimos, sen cubrir as baixas, nin os días libres en lugar de reforzarse ben, e así é imposible facer prevención", engade Vellez Digna.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta