Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/01/2021 | Actualizada ás 19:54
Varios concellos pediron á Xunta que permita a mobilidade entre localidades que comparten servizos, como Valga e Pontecesures (en Pontevedra) e Pontedeume e Cabanas (na Coruña). Deste xeito, o alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, informou de que solicitou aos responsables do Servizo Galego de Saúde (Sergas) que estuden a posibilidade de permitir libremente os desprazamentos entre os municipios de Valga e Pontecesures.
O rexedor, que lembra que Valga está incluída no grupo de concellos en nivel máximo e con perímetro individual, subliña a "especial relación" que une a ambas as localidades, xa que comparten "numerosas actividades e recursos a nivel sanitario, empresarial, educativo ou comercial", entre outras.
Segundo indicou o rexedor, nun encontro telemático mantido este xoves, as autoriades sanitaria indicáronlle que "estudarán esta petición". Ademais, conforme sinalou, os responsables de sanidade informaron de que calquera veciño de Valga pode desprazarse a outro concello limítrofe a comprar a condición de que os produtos que desexen adquirir non os haxa na súa localidade.
Por outra banda, nun comunicado conxunto, os concellos de Cabanas e Pontedeume tamén pediron que se permita a mobilidade entre os seus territorios xa que comparten "un elevado número de servizos" que completan entre os dous a oferta que non existe nalgún deles.
Así, os consistorios citan os casos de entidades bancarias, centros educativos, notarías, e establecementos de produtos esenciais ou farmarcias de garda.
"Este feito provocaría unha trasfega de veciños dun concello a outro para realizar moitas xestións de carácter esencial, complicando as tarefas de control e obrigando a aumentalas de forma considerable para evitar que determinadas persoas se extralimiten e aproveiten ese feito para moverse sen xustificación", sinalan.
Iso, confomre apuntan, xeraría "importantes retencións" xa que a Ponte de Pedra é "o único punto de comunicación entre os dous termos municipais.
Ambos os concellos sinalaron que a xerencia da área sanitaria trasladou a petición á Consellería de Sandiade, que se comprometeu a estudala.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.