Denuncian saturación das UCI nos hospitais da Coruña e Ferrol: "estamos case peor que en marzo"

Sanitarios alertan de que os pacientes xa non son só como os de marzo, senon máis novos e sen patoloxías previas.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 14/01/2021 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

A unidade UCI do hospital da Coruña está ao 75% e a sala princial de UCI de Ferrol só ten dúas camas libres, de dez. Son as denuncias que fan sanitarios que din que a situación é "case peor" a vivida en marzo, no comezo da pandemia e cando os hospitais galegos comezaron a colapsar.

Respiradores ou equipos de Respiración instalados nas UCIS para facer fronte ao coronavirus
Respiradores ou equipos de Respiración instalados nas UCIS para facer fronte ao coronavirus | Fonte: EFE

"Todos os días ingresan pacientes novos na UCI, e ás veces, dous, tres e ata catro. En ocasión, e de xeito máis frecuente que na primeira onda, son pacientes máis novos e algúns sen patoloxías previas", asegura o xefe da UCI do CHUAC, David Freire. "Estamos vivindo unha situación crítica, similar, senon peor a marzo", asegura.

A mesma situación se vive en Ferrol coa UCI principal na que oito das dez camas xa están ocupadas por pacientes covid.  Pero o mesmo acontece no resto de salas UCI. A 2 ten tres pacientes covid con catro camas dispoñibes e a 3 ten as tres camas completas cos pacientes illados.

"A incidencia no hospital é cada vez maior e en todas as plantas hai ás en corentena, ademais das plantas covid", apuntan fontes consultadas. De feito, no hospital mesmo apuntan a posibilidade de abrir a UCI do hospital naval a próxima semana ante o posible colapso do hospital de Ferrol. 

A XUNTA CONFIRMA A PRESIÓN

De feito,responsables sanitarios galegos comezaron esta semana a suspender algunhas operacións non urxentes pola presión hospitalaria derivada da covid-19, co obxectivo de deixar camas libres para posibles ingresos.

En concreto, fontes sanitarias confirmaron que xa se suspenderon algunhas intervencións no Hospital da Coruña, Ferrol e Santigo e que, dependendo que como evolucionen as cifras, é posible que nas próximas semanas haxa que aprazar novas operacións.

PETICIÓN AOS CIDADÁNS

Os sanitarios piden aos cidadáns que se autoconfinen e reduzan o contacto social e, especialmente, as visitas aos hospitais. "Só debería vir un familiar por paciente que sexa menor de 70 anos e só nos casos imprescindibles para para falar cun médico ou algo importante", apunta David Freire.

"Estamos ante un problema de responsabilidade individual e deberiamos saír o mínimo indespensable, só para cuestións como ir ao traballo, colexio, médico, hospital ou supermercado. E o mellor aplauso que deberiamos agardar é quedar na casa", engade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta