O IPC pecha o ano en negativo a pesar do encarecemento da electricidade e gasolinas

Os prezos galegos rompen catro anos seguidos de subidas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2021 | Actualizada ás 10:20

Comparte esta noticia

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) pechou 2020 cunha caída interanual do 0,4% en Galicia, primeira vez que se termina o ano en negativo desde 2015, segundo os datos que publica este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE).

IPC ao peche de 2020 en Galicia. EPDATA
IPC ao peche de 2020 en Galicia. EPDATA | Fonte: Europa Press

Esta baixada interanual en Galicia é unha décima inferior á que se rexistra na media española (-0,5%). Deste xeito, rompe con catro anos seguidos de subidas dos prezos galegos: 2016 (+1,6%), 2017 (+1,2%), 2018 (+1%) e 2019 (+0,7%). Así mesmo, o dato de decembro supón encadear dez meses negativos consecutivos dos prezos galegos.

Neste exercicio marcado pola pandemia, o transporte lidera o retroceso de prezos en 2020 en Galicia (-4,5%), seguido de comunicacións (-4,1%), lecer e cultura (-1,4%), vivenda (-0,7%) e bebidas alcohólicas e tabaco (-0,3%). No outro extremo, os maiores repuntes protagonízanos alimentos e bebidas non alcohólicas (+1,8%), hoteis, cafés e restaurantes (+1,4%) e ensino (+1,3%).

Con todo, modérase a baixada interanual en comparación con novembro, xa que se elevou tres décimas polo encarecemento da electricidade e das gasolinas. Na comparativa intermensual --de decembro a novembro--, o maior incremento anótao o transporte (+1,5%) e o lecer e cultura (+0,8%). Con todo, vestido e calzado baixa un 2,5% nun mes no comezaron as rebaixas.

DATOS ESTATAIS

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu un 0,2% en decembro en relación ao mes anterior e elevou tres décimas a súa taxa interanual, ata o -0,5%, polo encarecemento da electricidade e das gasolinas. 

É a primeira vez desde 2014 en que o IPC pecha en negativo. En 2019 acabou o ano no 0,8%, mentres que en 2018, 2017 e 2016 situouse por encima do 1%. En 2015, a taxa foi do 0,0%, en tanto que en 2014 pechouse o exercicio no -1%. O peche en negativo do IPC en 2020 permitiu aos salarios gañar máis de dous puntos de poder adquisitivo. En concreto, a subida salarial pactada en convenio pechou o ano pasado no 1,89%, case 2,4 puntos por encima do IPC interanual de decembro.

LUZ E GASOLINAS EXPLICAN A EVOLUCIÓN INTERANUAL

Segundo o INE, a evolución do IPC interanual en decembro foi consecuencia do aumento do grupo de vivenda en máis de dous puntos, ata o -0,1%, polo encarecemento da electricidade e do gasóleo para calefacción, e da repunta do grupo de transporte en sete décimas, ata o -4,4%, pola subida de prezos dos carburantes e lubricantes para o transporte persoal.

Pola contra, o grupo de lecer e cultura recortou sete décimas a súa taxa interanual, ata o -1,6%, debido a que os prezos dos paquetes turísticos subiron máis en decembro de 2019 do que o fixeron este ano.

Tamén tivo unha influencia negativa o grupo de alimentos, onde a taxa anual diminuíu unha décima, ata o 1,1%, como resultado do abaratamento dos legumes e hortalizas e da menor repunta de prezos da carne en comparación con decembro de 2019. Por contra, os prezos do peixe e do marisco, habituais nas ceas de Nadal, subiron máis en decembro deste ano que en 2019.

En 2020 o que máis subiu de prezo foi a xoiaría e bixutaría (+13,7%); os accesorios informáticos (+10,3%); o transporte marítimo de pasaxeiros (+8,7%); outros aceites comestibles (+6,5%) e a electricidade (+5,9%). En sentido contrario, o que máis se abaratou o ano pasado foron os combustibles líquidos (-25,1%); os hoteis e hostais (-18,3%); os voos internacionais (-17,3%); o gasóleo (-12,4%), e o gas natural (-11,8%).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta