A Xunta afirma que as críticas dos investigadores pre e posdoutorais "non se corresponden coa realidade"

A asociación Investigadoras de Compostela asegura que a Administración galega pretende "desmantelar" o sistema de investigación galego.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/01/2021 | Actualizada ás 15:09

Comparte esta noticia

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade afirmou este venres que as críticas vertidas pola asociación Investigadoras de Compostela sobre a nova convocatoria de axudas á investigación pre e posdoutoral "non se corresponden coa realidade", xa que "sería un contrasenso que a Xunta estivese a reforzar un programa que, supostamente, quere desmantelar".

Fotografía dunha concentración diante da reitoría
Fotografía dunha concentración diante da reitoría | Fonte: ASEMBLEA DE INVESTIGADORAS DE COMPOSTELA.

A asociación Investigadoras de Compostela criticou este xoves a inminente publicación das convocatorias da Xunta, que tacharon de "golpe mortal" á investigación pública  "ao non blindar o número de prazas e duplicar os contratos para 2021" para paliar "a cancelación" da convocatoria de 2020, "que deixou por centos de profesionais no paro".

A este respecto, Educación defende que a convocatoria de 2021 "é a maior da historia de Galicia, tanto a nivel orzamentario como de número de contratos", dos que ofreceron datos: 175 contratos entre predoutorais e posdoutorais, "na última foron 167", e un investimento de 17,65 millóns de euros, "unha suba do 5%" respecto ao ano anterior.

Ademais, a Consellería asegurou que "en 2020 non se suprimiu nada" e pola contra, "Galicia foi a única comunidade autónoma" que alongou os contratos en vigor -que finalizaban en xuño--, ata finais de ano "para que ninguén se vise prexudicado pola pandemia".

AMPLIACIÓN DO CONTRATO

Respecto da situación excepcional que provocou a covid-19, a Xunta recoñeceu que non se podían cumprir os dous anos no estranxeiro que esixía este tipo de contrato, "polo que a todos os investigadores que inicialmente terminaban o seu contrato en xuño de 2020, amplióuselles automaticamente".

Educación, que destacou que todos os cambios formulados na nova convocatoria foron pactados coas tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), rexeitou tamén os reproches do colectivo en canto á redución das horas docentes e dos salarios, que Investigadoras de Compostela cualificou de "inadmisibles",

"No que respecta aos salarios, en ningún caso se reducen nestas convocatorias con respecto ás anteriores. As contías son as mesmas pero establécese unha repartición distinta derivado da flexibilidade do desprazamento pola situación sanitaria", indicou a Consellería, que explicou que agora os períodos de estadía no estranxeiro pódense desenvolver ao longo de toda a duración da axuda.

A flexibilización defendida pola Xunta aplícase tamén á docencia, da que matizou que "con 30 horas cada ano", ao longo de toda a duración da axuda "pódense alcanzar as 90 horas docentes, fronte ás 80 de anteriores convocatorias. "Os investigadores teñen a posibilidade de dar 10 horas máis de clase, polo que non entendemos as críticas neste sentido", comentou Educación.

Doutra banda, respecto das críticas vertidas pola asociación de investigadoras sobre a falta de transparencia nas políticas de igualdade, así como sobre "a discriminación" á que se enfrontaban aquelas profesionais que se acollían a unha baixa de maternidade, a Xunta sinalou que "se introducen medidas que favorecen a súa permanencia no sistema de investigación", aínda que non detallou cales son nin como entrarían en funcionamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta