Traballadores de Ence inician mobilizacións ata marzo para reclamar a continuidade da planta na ría de Pontevedra

Reclaman a retirada do artigo 18 do proxecto de Lei de Cambio Climático.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 15/01/2021 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

Un grupo de traballadores de Ence manifestouse este venres convocados polo sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.) para reclamar ao Goberno do Estado a continuidade da fábrica na ría de Pontevedra. Trátase da primeira mobilización dun calendario de protestas que os empregados da factoría manterán ata marzo para demandar a retirada do artigo 18 do proxecto de Lei de Cambio Climático que recolle unha limitación da duración máxima das concesións no dominio marítimo terrestre que suporía o fin da pasteira en Lourizán no 2033.

Fábrica de Ence Celulosa en Pontevedra
Fábrica de Ence Celulosa en Pontevedra | Fonte: Europa Press.

Neste artigo o Goberno central pretende limitar a 75 anos, con carácter retroactivo, o período máximo das concesións de Costas. Este prazo incluiría tamén as prórrogas das autorizacións.

Comisións Obreiras sinala que o Goberno de Pedro Sánchez tenta con esta normativa corrixir o aprobado polo Goberno de Rajoy na reforma da Lei de Costas e que a coalición de PSOE e Podemos tentou modificar a través do cambio do regulamento de Costas.

A presidenta do comité de empresa das oficinas de Ence, Ana Cedeira, asegurou que "unha vez máis" queren "atacar e pechar" a planta. "Ímolo batallar", anunciou Cedeira antes de avanzar que a manifestación deste venres "é o comezo dunhas mobilizacións durante xaneiro, febreiro e marzo cun único obxectivo: que os postos de traballo continúen".

A marcha a pé partiu ás 13,00 horas desde a fábrica ata a sede da Subdelegación do Goberno en Pontevedra. No comunicado lido ante esta, Ana Cedeira destacou que "o Goberno do PSOE, pola porta de atrás, pretende meter co seu artigo 18.4 na Lei de Cambio Climático, a morte como empresa, como sector e como medio económico".

O comunicado concluíu cun "chamamento" ao Ministerio de Transición Ecolóxica, ao Partido Socialista, aos grupos parlamentarios e ao Goberno, para a retirada do artigo 18.4 da Lei de Cambio Climático. "Os políticos están para protexernos e garantir os nosos dereitos, non para destruílos", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta