A CIG pide paralizar a UCI do CHUS por "risco importante de exposición" á covid-19

A área sanitaria apunta que os profesionais teñen á súa disposición todos "recursos preventivos existentes necesarios" para evitar contaxios.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 15/01/2021 | Actualizada ás 18:01

Comparte esta noticia

A CIG pediu este venres ante a Inspección de Traballo a paralización da actividade da UCI de adultos do Clínico de Santiago polo "incumprimento da normativa" de prevención e o "risco importante de exposición á covid-19".

Hospital Clínico de Santiago
Hospital Clínico de Santiago | Fonte: Europa Press.

Esta petición materialízase despois de que, segundo recolle a CIG, unha avaliación realizada a principios de decembro detectase nesta UCI "un risco importante na exposición á covid-19", o que, aducen, "segundo os protocolos obriga a Xerencia a realizar unha planificación preventiva e adoptar de maneira inmediata unha serie de medidas para controlar e reducir estes riscos, tales como contar con box pechados individuais cunhas dimensións adecuadas para a atención a enfermos críticos; prever as necesidades de equipamento; adecuar o número de box á presión asistencial; ou dotarse dos medios humanos e materiais que sexan precisos".

"Pero, a día de hoxe, e a pesar do contundente resultado da avaliación de riscos, e de que os traballadores levan nove semanas en folga para esixir unhas condicións dignas, a realidade é que a Xerencia continúa sen corrixir as deficiencias e sen aplicar as medidas preventivas para minimizar as posibilidades de contaxio e protexer a saúde do persoal sanitario e dos enfermos", denuncia a CIG.

O sindicato, lembran, leva "meses reclamando que se acometan as reformas comprometidas para resolver as deficiencias estruturais desta unidade" e "demandando medidas organizativas e preventivas que permitan traballar e recibir atención sanitaria en condicións de seguridade, sen que ata o momento se fixese unha soa actuación neste sentido", sosteñen.

Fronte a estas acusacións, fontes da área sanitaria lembraron que "é coñecido por toda a poboación" o "importante risco que supón para os profesionais da sanidade atender a pacientes covid en todos os centros sanitarios", unha cuestión que "vén informando por parte das autoridades sanitarias e sociedades científicas desde o inicio da pandemia".

No entanto, aducen, a profesionais da área sanitaria de Santiago "teñen á súa disposición todos os recursos preventivos existentes necesarios, así como as medidas de xestión oportunas", entre elas, "a máis importante e recente, a vacinación dos profesionais que se iniciou esta semana en Galicia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta