Ter abandonadas leiras de máis dunha hectárea implicará multas de ata 6.000 euros

Os particulares poderán avisar a Medio Rural para que investigue a titularidade de terreos abandonados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2021 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

A futura lei de recuperación de terras fixa multas de ata 3.000 euros por abandono de parcelas de máis dunha hectárea, que poden alcanzar os 6.000 euros se o terreo é superior ás 10 hectáreas. Así figura no texto deste proxecto de lei con 144 artigos que busca recuperar terras agrarias --para uso agrícola, gandeiro e forestal--, ao que tivo acceso Europa Press. A súa tramitación corre a cargo do PPdeG no Parlamento galego.

No apartado de sancións, figuran infraccións de carácter leve (con multas ata 600 euros), grave (601 a 3.000 euros) e moi grave (de 3.001 a 6.000 euros). No tocante a sancións leves están, entre outras, o abandono de leiras dunha hectárea ou menos, así como a ocupación de terreos do Banco de Terras nos que non exista cultivo.

As infraccións graves pasan por: o "abandono ou infrautilización" de terreos cunha superficie entre unha e 10 hectáreas; a ocupación de leiras do Banco de Terras con aproveitamentos forestais; a obstrución a inspeccións e a subministración de información falsa. Pola súa banda, as sancións consideradas como moi graves, con multas ata 6.000 euros, estipúlanse para casos de abandono de máis de 10 hectáreas ou dun polígono forestal.

Os casos moi graves poden ter castigos accesorios que pasan por: a inhabilitación durante dous anos para ser adxudicatarios no Banco de Terras, a publicación no diario de maior circulación da provincia da infracción con identidade da persoa sancionada e o comiso de madeira de especies retiradas pola administración en caso de ocupación ilegal. Xunto a isto, o texto aclara que, con independencia das multas, as persoas infractoras estarán obrigadas a reparar o dano causado ao patrimonio das administracións ou á súa indemnización polos prexuízos.

INVESTIGACIÓN

Na identificación de leiras abandonadas xogará un papel fundamental a investigación, cun "novo procedemento" para o recoñecemento de leiras de titular descoñecido e o seu pase ao patrimonio da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Deste xeito, a Xunta investigará a propiedade e, se conclúe o proceso sen localizar a ese dono, dispoñerá dese terreo para a súa xestión e posta en valor mentres non aparece o seu titular.

Abrirase un prazo de cinco anos para que, no caso de que apareza o propietario, acredite que o é. Nese caso, o rendemento da terra abonaráselle ao seu titular. Pasados os cinco anos, a Xunta quedará con esa propiedade. A partir de aí só quedaría a vía xudicial para a súa recuperación.

A propia Consellería de Medio Rural poderá iniciar de oficio esa investigación, aínda que particulares tamén poderán facer comunicacións e denuncias para que se realice. De feito, estipúlase que debe informarse ao denunciante sobre o inicio do procedemento ou a súa non admisión. A provincia de Ourense, o interior de Pontevedra e a montaña de Lugo acumulan a maior parte dos propietarios ilocalizables en Galicia.

A estimación é que se pode chegar a mobilizar máis de 500.000 hectáreas que están abandonadas ou infrautilizadas, cun impacto directo no sector agrario de máis de 600 millóns de euros. Ademais, traballarase na regulación do catálogo de chans agropecuarios e forestais de Galicia, figura "clave" para a ordenación.

ÁREAS DEVASAS E BANCO DE EXPLOTACIÓNS

A filosofía desta futura lei é lograr que todo o territorio teña unha "rendibilidade". Para iso, fomentarase o arrendamento, venda ou agrupación de propietarios co fin de que haxa unha xestión. De tal forma, propóñense novos mecanismos como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, actuacións de xestión conxunta e permutas. Todo iso, unido a medidas para unha "maior eficiencia" do Banco de Terras.

Entre as novidades que inclúe este texto atópanse as áreas de devasas, que serán de impulso público. Crearanse zonas de descontinuidades con actividade agrícola, gandeira ou forestal en sitios elixidos por criterios técnicos para frear os incendios. Os polígonos agroforestais deberán dispor de, polo menos, o acordo do 70% dos titulares da superficie. Con todo, os polígonos cortafogos non terán que cumprir este requisito.

Así mesmo, créase un Banco de Explotacións, que elaborará unha listaxe actualizada de explotacións susceptibles de intermediación, no caso de que titulares, por razón de idade ou dificultades, queiran cedelas de forma voluntaria. Neste sentido, as persoas interesadas no arrendamento, permuta ou compra deses terreos poden solicitar ao Banco de Explotacións esa intermediación cos titulares.

REHABILITACIÓN DE POBOADOS DE ALDEAS MODELO

Un dos obxectivos que persegue esta norma é o impulso da rede de aldeas modelo, pero non se limita ao aproveitamento do terreo, senón que aspira á rehabilitación e recuperación de edificios do núcleo rural. Entre os incentivos fiscais que recolle a lei, hai un punto no que se establece que os contribuíntes poderán deducir na cota íntegra autonómica o 15% das cantidades para a compra e rehabilitación de vivendas en aldeas modelo e naquelas que estean destinadas a residencia habitual ou esporádica.

Roza. DEPUTACIÓN DE LUGO
Roza. DEPUTACIÓN DE LUGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta