Chega aos tribunais o caso contra os catro policías acusados de colaborar con narcos

As penas para catro axentes do Grupo de Estupefacientes da comisaría de Ourense e nove presuntos narcotraficantes suman os 100 anos.

Por E.P. | OURENSE | 17/01/2021 | Actualizada ás 15:55

Comparte esta noticia

Este luns 18 de xaneiro arrinca na Audiencia Provincial de Ourense, o xuízo da coñecida como Operación Zamburiña, que sentará no banco dos acusados a nove traficantes de drogas e catro axentes do Corpo de Policía Nacional que presuntamente colaboraban con eles durante o ano 2015 na cidade.

O xuízo arrincará ás 10,00 na Audiencia Provincial tras aprazarse o pasado luns. Os 13 acusados enfróntanse a penas que suman 100 anos de cárcere por presuntos delitos contra a saúde pública, omisión do deber de perseguir delitos, revelación de segredos ou tenencia ilícita de armas atribuídas en distintos graos.

Aos traficantes, a Fiscalía acúsaos de delitos de pertenza a grupo criminal e tráfico de drogas e solicita penas de ata 13 anos. Pola súa banda, os axentes, todos do Grupo de Estupefacientes da comisaría de Ourense, enfróntanse a diversas peticións.

Tres deles terán que facer fronte a delitos contra a saúde pública, revelación de segredos e omisión do deber de perseguir delitos --con penas de ata 7 anos e 9 meses de cárcere--, mentres que o cuarto en cuestión está acusado de revelación de segredos, cargo polo que unicamente se lle solicita unha multa de 5.400 euros. Ademais, sobre o catro tamén pesa unha petición de inhabilitación. Segundo recolle o escrito fiscal, os 13 procesados están implicados nunha rede de tráfico de sustancias estupefacientes que contaba coa "protección de varios axentes da Policía Nacional".

ANÓNIMOS E UN AXENTE MORTO

Así as cousas, a Operación Zamburiña chega a xuízo case sete anos despois de que a oficina de Asuntos Internos recibise unha serie de escritos anónimos relacionados con tres axentes (dous deles irmáns xemelgos) que botaron a rodar a investigación. Ese mesmo ano 2014 producíase o roubo no almacen de armas da Policía Nacional e, dous anos máis tarde, a morte por un disparo dun dos axentes, rexistrada na propia comisaría ourensá.

A declaración dun dos xemelgos estaba prevista para o 1 de febreiro, aínda que previsiblemente se atrasará tras o adiamento do arranque do xuízo. Os irmáns están investigados pola morte do seu compañeiro en abril de 2016, así como pola sustración de seis armas do búnker, das cales, tres apareceron no despacho do axente falecido, sendo unha delas a usada para o disparo que terminou coa vida deste policía.

Aínda que a Audiencia Provincial estableceu que as tres causas son independentes, as defensas reivindican esa unidade por considerar que establece vínculos coa Operación Zamburiña. En novembro de 2015, detiveron a membros do departamento da policía ourensá foron detidos xunto con narcotraficantes de pequena e mediana escala.

Xuízo da Operación Zamburiña / Brais Lorenzo - Pool. / Europa Press
Xuízo da Operación Zamburiña / Brais Lorenzo - Pool. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta