O Conselleiro insiste en que as aulas son "espazos seguros" e "non hai transmisión dentro dos centros"

As últimas cifras apuntan a case 1.700 casos activos de covid-19.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/01/2021 | Actualizada ás 17:19

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, insistiu este luns en que as aulas son "espazos seguros" fronte á covid e que "non hai transmisión interna dentro dos centros". Así o afirmou no transcurso dunha visita oficial ao IES Valle Inclán de Pontevedra onde dixo que ante esta terceira onda da pandemia debe estarse "alerta". "Temos que seguir traballando como fixemos no primeiro trimestre, que tivemos un resultado moi positivo, e temos que estar, obviamente, preocupados", engadiu.

Alumnos nunha aula protexidos con máscaras contra a covid-19
Alumnos nunha aula protexidos con máscaras contra a covid-19 | Fonte: ANPE.

Román Rodríguez referiuse a os últimos datos coñecidos de incidencia da covid-19 nos centros educativos de Galicia, que son os relativos á xornada lectiva do pasado venres e que informaban dun total de 1.692 casos activos.

Neste sentido, o conselleiro recoñeceu que os recintos escolares "son espazos abertos que forman parte da sociedade" e, por tanto, "a situación sanitaria dos centros educativos evoluciona conforme evoluciona a situación xeral".

Así, lembrou que no primeiro trimestre houbo "un momento alcista" de casos que se prolongou ata mediados de novembro, xusto un comportamento similar ao resto da sociedade e, a partir de aí, a incidencia empezou a baixar.

"Estamos a recibir a aquelas persoas que, debido ás interaccións sociais do Nadal, teñen un número máis elevado de infectados", reiterou.

O titular de Educación no Goberno Galego considerou que "o máis importante é que se demostrou que aulas son espazos seguros e que non hai transmisión interna dentro dos centros", xa que a "inmensísima maioría" de persoas que teñen a "mala sorte" de infectarse fano fóra dos centros.

En todo caso, fixo un chamamento a seguir traballando e cumprindo as pautas, porque "os protocolos e as medidas que levaron a cabo están a funcionar". O conselleiro confiou en que, unha vez que se identifique a todas as persoas que se contaxiaron en Nadal, "remita a crise pandémica" e se poida "recuperar canto antes" a normalidade.

Por último, o conselleiro tamén valorou o "gran traballo" que están a desenvolver os equipos directivos, os claustros e o alumnado, que, facendo un "esforzo organizativo", adaptáronse á situación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta