Así foi cambiando o votante do PP en Galicia: do galeguismo de Fraga ao maior centralismo de Feijóo

O electorado do PP en Galicia mantense fiel comicio tras comicio. Desde hai 40 anos é o partido que máis votos colleita en Galicia e tamén maiorías absolutas; catro de Fraga e outras catro de Feijóo. Pero durante estes anos de democracia o votante popular tamén foi cambiando e foron gañando poder os do birrete de Romay Beccaría en prexuízo dos da boina de Baltar, Cuíña e Cacharro Pardo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/01/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Por que o Partido Popular gaña consecutivamente eleccións en Galicia?, é o electorado conservador máis importante que o progresista?, ten máis peso o rural que o urbano?... Ou, sinxelamente, o Partido Popular soubo adaptarse mellor a idisosincrasia do país que o resto de forzas políticas?.

O pasado 12 de xullo, o PP unha nova maioría absoluta. Nuns comicios que se celebraron no medio dunha pandemia e con fortes protestas do sector sanitario e educativo nos meses previos, Alberto Núñez Feijóo conseguiu o seu mellor resultado electoral, 42 deputados, só un escano por baixo dos históricos 43 acadados por Manuel Fraga en 1993. Desde o inicio do goberno autonómico, os conservadores, ben coas siglas de Alianza Popular, Coalición Popular ou do Partido Popular, gañaron todos os comicios e gobernaron 36 dos 40 anos da democracia galega.

Só desde novembro de 1987 a decembro de 1991 e de 2005 a 2009 houbo gobernos diferentes aos do Partido Popular. O primeiro froito dunha moción de censura impulsada polo entón vicepresidente de Gerardo Fernández Albor, José Luis Barreiro, entón expulsado de AP, e hoxe, novamente, na órbita do PP. O segundo froito do fin dunha época dentro do PP, coa perda do poder dun octoxenario Manuel Fraga e a chegada á Xunta dunha coalición socialista e nacionalista presidida polo socialista Emilio Pérez Touriño. E, desde o 2009, tres novas maiorías absolutas consecutivas do Partido Popular, desta volta, con Alberto Núñez Feijóo á fronte.

O presidente do Partido Popular, Pablo Casado (d) e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo,  durante un acto electoral
O presidente do Partido Popular, Pablo Casado (d) e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, durante un acto electoral | Fonte: M. Dylan - Europa Press

O VOTO DESDE 1993 AO 2016

Que fai entón tan especial ao Partido Popular de Galicia. Cales son e foron os factores que resultaron determinantes na explicación do voto a esta formación en Galicia?.  O politólogo Rubén Gómez Cebey tenta analizalo nun artigo publicado no último número da Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas; “Votando al Partido Popular de Galicia: análisis de los componentes del voto a la formación en las elecciones autonómicas (1993-2016)”.

Neste traballao analiza os compoñentes do voto ao Partido Popular nas eleccións ao Parlamento de Galicia celebradas entre 1993 e 2016 e afonda nas principais tendencias que debuxou o comportamento do electorado popular ao longo do período autonómico atendendo aos factores clásicos que puideron estar na súa base, como a identificación partidista, a valoración do liderado, o contexto económico e político ou a ideoloxía. Para iso, recorre aos datos de sete estudos demoscópicos poselectorais elaborados polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) desde o ano 1993 ao 2016 e tamén presta, tamén, especial atención á influencia do galeguismo dentro do PP de Galicia.

Aumentou situarse en posicións da dereita e decantarse polo PP

MENOS GALEGUISTAS

E, a través de distintas comparativas, as conclusión son ben interesantes e debuxan un electorado en constante evolución e moi diferente ao de hai 40 anos. E é que os votantes do PP desprazáronse cara a posicións máis centrais dentro da escala ideolóxica, é dicir, cada vez máis preto do mínimo nacionalismo xa que foron percibindo a este partido, elección tras elección, en posicións máis próximas ao centralismo.

No seu estudo, Rubén Gómez destaca o papel fundamental que xogou a identificación partidista na explicación do voto ao PPdeG. “A súa presenza estable nos últimos encontros electorais concorda co papel que a literatura lle outorga a este compoñente, clásico doutra banda, na explicación do comportamento electoral”, indica. Así, a simpatía polo PP exerce, en todos os casos, un efecto positivo e de peso nas probabilidades de votar á formación.

Ao longo deste anos tamén detectou que, para o electorado, aumentou situarse en posicións da dereita e decantarse, á hora de votar por un partido de dereitas, polo PP.  “Sucede o mesmo coa variable autoubicación identitaria, aínda que neste caso, o seu peso foise difuminado co paso dos anos”.

Alberto Núñez Feijóo saúda a Manuel Fraga nun acto electoral
Alberto Núñez Feijóo saúda a Manuel Fraga nun acto electoral | Fonte: EP

A "UBICACIÓN" NACIONALISTA

Con todo, e aínda que a autoubicación en posicións de dereita na escala ideolóxica exerce un efecto positivo no voto á formación popular, situar ao PP á dereita nesta mesma escala, exerce un efecto negativo sobre as probabilidades de votalo. O mesmo acontece coas posicións nacionalistas. Así, mentres que a autoubicación en posicións de máximo nacionalismo na escala nacionalista reduce as probabilidades de votar ao PP, ubicar á formación popular en posicións de nacionalismo, na mesma escala, auméntaas.

A única variable que é desfavorable para o PP é a sociodemográfica

É dicir, que o estudo apunta a que o electorado do PP en Galicia é conservador, pero non ultraconservador e sentese nacionalista, entendendo por nacionalismo a versión máis galeguista e folclorista que cultivou durante os seus mandatos Manuel Fraga. “Isto pódese relacionar co propio carácter do galeguismo que creou o partido. Un discurso que se constrúe sobre o desprezo á concepción nacionalista e que persegue a exaltación do sentimento xa existente do ser galego, baseado nas súas tradicións e os seus costumes”, suliña o autor do estudo.

IDENTIFICACIÓN COA XUNTA E COS LÍDERES

E nesta aproximación do electorado conservador ao PP ten moito que ver a Xunta de Galicia. Así, a importancia da valoración da Xunta de Galicia acrecentase ao atender á identificación que se produce entre o PP e a Administración autonómica despois de décadas de goberno.

Por outra banda, nesta submisión do votante galego ao Partido Popular ten que ver a valoración dos líderes políticos. Así, a valoración positiva, tanto de Manuel Fraga como de Núñez Feijóo tivo un efecto positivo nas probabilidades de votar ao PP. Unha valoración na que xogan moito as imaxes que deses líderes trasladan os tradicionais medios de comunicación de Galicia, principalmente, os xornais de ámbito galego, moi subvencionados desde a época de Manuel Fraga, como tamén a canle pública CRTVG, controlada polo PPdeG.

O ÚNICO PROBLEMA PARA O PP

A única variable que é desfavorable para o PP é a sociodemográfica. Así, o aumento da idade impactou de maneira positiva sobre o voto ao PP. É dicir, a máis anos, máis probabilidades de votar á dereita. Por outra banda, o tamaño do municipio, medido no número de habitantes, exerceu un efecto inverso nas probabilidades de votar á formación; cantos máis pequenos, máis populares, e canto máis grandes, menos. Finalmente, tamén a máis nivel de ingresos e de estudos, menos probabilidades hai de votar aos populares.

Imaxe do líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, con Manuel Fraga difundida polo PP galego a través de Twitter. PPDEG
Imaxe do líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, con Manuel Fraga difundida polo PP galego a través de Twitter. PPDEG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta